Fuente: Diputación Provincial de Lugo
– Será no Campus de maduración da idea empresarial de Ancares, no que recibirán formación técnica, legal, medioambiental e económico-financeira sobre as súas ideas empresariais.
– O seminario rematará o vindeiro xoves coas visitas que realizarán a empresas sostibles ubicadas nas Reservas da Biosfera nas que compartirán experiencias e analizarán a viabilidade dos seus proxectos.
– A Deputación aposta pola cultura emprendedora no rural, que permite fixar poboación a través da xeración de novos postos de traballo. De feito, o I Campus de Emprendemento Sostible permitiu a creación de 7 novas empresas.
Outros 10 dos emprendedores lucenses participantes no II Campus de Emprendemento Sostible, comezan hoxe en Ancares a que será a última fase da súa formación para poñer en marcha novas empresas dentro dos territorios das Reservas da Biosfera lucenses. Esta formación será a que reciban no chamado Campus de maduración da idea empresarial, dirixido a aquelas persoas que xa tiñan unha idea ou proxecto avanzado de negocio. Dende hoxe e ata o vindeiro día 11, estes 10 emprendores recibirán formación especializada sobre viabilidade comercial, técnica, legal, medioambiental e económico-financeira das súas ideas empresariais. As xornadas de carácter máis teórico desenvolveranse dende hoxe ata o mércores, en horario de 16:00 a 20:00 horas. A parte práctica celebrarase o xoves, co percorrido que os emprendedores realizarán ó longo de todo o día por catro negocios de éxito establecidos en diferentes Concellos da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Estes negocios están enfocados a diferentes actividades, malia que co denominador común de manter prácticas respectuosas co medio ambiente: o cultivo ecolóxico de plantas medicinais e hortalizas; unha explotación de leite ecolóxica; un establecemento de turismo rural ou unha granxa de produción ecolóxica de derivados do leite. Con esta experiencia, os participantes poderán profundizar un pouco máis nas súas ideas empresariais e comparar experiencias que lles axudarán a analizar a viabilidade dos seus proxectos.
Ademais, unha vez finalizado o Campus e ata finais de novembro, contarán con titorías de asesoramento personalizadas, coas que poderán continuar o traballo iniciado para poñer en marcha as súas ideas emprendedoras.
7 empresas nacidas no I Campus
Este existoso proxecto responde á aposta da Deputación de Lugo pola cultura emprendedora, especialmente no mundo rural, axudando a fixar poboación no rural a través da xeración de novos postos de traballo.
Este foi o caso de 7 empresas nacidas tras participar no I Campus de Emprendemento Sostible, enfocadas a actividades como agricultura e gandeiría colóxicas; a educación ambiental, o turismo rural, a produción artesanal ou mesmo a enxeñería de obras civil.
Na primeira edición do Campus, houbo 4 obradoiros en Terras do Miño e Ancares, nos que participaron 48 persoas. Naquela programación, o 62% dos participantes foron homes, a maioría dos cales eran mozos de entre 26 e 35 anos, entre os que se atopaban tanto participantes sen unha idea empresarial clara como empresarios en activo, os cales desexaban redirixir a súa actividade cara prácticas máis respectuosas co medio natural dos territorios Reserva da Biosfera nos que estes se ubicaban.