Comezan as obras de acondicionamento da Praza do Campo de Quindous, en Cervantes
O Executivo Provincial achega 8.000 euros para levar a cabo o tratamento fitosanitario das árbores, así como a limpeza e mellora de 12 bancos. Tamén se arranxarán as mesas e papeleiras, e colocaranse dúas mesas máis, tipo picnic, con bancos incorporados. Ademais, construírase unha nova mesa de castiñeiro
Trátase dun espazo de uso público cun elevado valor natural, moi concorrido pola xente da propia aldea, así como por numerosos visitantes, por formar parte do patrimonio natural e cultural da Reserva da Biosfera de Ancares Lucenses
Fernández Queipo subliñou que “o obxectivo é actuar sobre as árbores que se atopan neste lugar e que teñen un alto valor ecolóxico, natural e ambiental. Ao mesmo tempo, melloramos o atractivo paisaxístico e recuperamos o noso patrimonio”