Un centenar de sinais e paneis identificará estes territorios en 78 vías municipais, provinciais, autonómicas e estatais pertencentes a 29 Concellos
Xunto á sinalización, a Deputación impulsa Terras do Miño e os Ancares coa elaboración dun plan que marcará as liñas estratéxicas de desenvolvemento da zona e a creación de portais web didácticos
A Deputación de Lugo dota de sinalización ós espazos das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares, un proxecto que estará completado neste mes de xaneiro, e co que o organismo provincial pon en valor estes territorios e potencia a economía e o turismo medioambiental na provincia. Un centenar de sinais e paneis –en concreto, 91- identificará as Reservas en 78 vías pertencentes a 29 Concellos, todos que os que forman parte destes espazos recoñecidos pola UNESCO. Desas estradas, 13 son municipais; 57 provinciais; 3 autonómicas e 5 estatais.
A sinalización das Reservas conta con un orzamento de preto de 102.000 euros, financiados nun 66% polo Ministerio de Medio Ambiente, de xeito que o departamento estatal achega 67.300 euros e a Deputación, 34.700.
Os indicadores sitúanse en puntos xeográficos estratéxicos, como á entrada á provincia polas autovías do Noroeste e do Cantábrico; nas intersección das principais estradas que discorren pola zona; e á entrada e á saída de cada un dos municipios que integran as Reservas, que son, no caso de Terras do Miño: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara; e no caso dos Ancares Lucenses: Navia de Suarna, Cervantes e Becerreá. As restantes, sobre todo paneis informativos e descriptivos, colócanse nos lugares de maior riqueza natural como pode ser, por exemplo, o Complexo Húmido da Terra Chá.
Ningunha restrición
A colocación destas sinais, ou a propia declaración das Reservas da Biosfera, non leva consigo ningunha restrición da actividade agropecuaria, forestal ou turística da zona. Polo contrario, supón un valioso recoñecemento a nivel internacional ó alto valor paisaxístico, ambiental e etnográfico destes territorios e supón unha oportunidade para o seu desenvolvemento socioeconómico.
Máis accións estratéxicas
Ademais da sinalización das Reservas da Biosfera, a Deputación de Lugo ten en marcha na actualidade outras tres actuacións estratéxicas co obxectivo de impulsar o desenvolvemento sostible destes territorios e garantir a continuidade das declaracións da UNESCO ante a revisión que este organismo internacional fará neste ano 2013. Trátase das seguintes iniciativas:
O organismo provincial, en colaboración cos colectivos sociais e profesionais que forman parte dos órganos de xestión das Reservas, está a elaborar o denominado Plan de Acción, un instrumento que marcará as liñas estratéxicas de conservación e desenvolvemento destes espazos nos próximos 10 anos.
Está catalogando, en colaboración coa Universidade de Santiago, o territorio das Reservas en función das súas características ambientais.
E adxudicará nunhas semanas os traballos para a creación de portais web didácticos para difundir a riqueza natural, cultural e etnográfica de Terras do Miño e Os Ancares entre todo tipo de público: nenos, maiores, profesores, estudantes, científicos ou particulares.