A Deputación reforza a sinalización da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses con 60.000 euros



Fuente: Diputación Provincial de Lugo

– A Vicepresidenta Segunda adiantou, na reunión dos Órganos de Xestión, que o fará logo de converterse 1 das 4 administracións de España en acadar fondos do OAPN.

– O Goberno Central, quen xestiona dito organismo, recortou nun 95% a súa achega, pois só concedeu 50.000 euros cando o anterior Executivo adicara máis de 1 millón de euros.

– Lara Méndez apuntou que serán un total de 60.000 euros cos que a Deputación reforzará a sinalización nos Ancares Lucenses, pois xa situou na zona outras 11 sinais.

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, adiantou este mércores, na reunión dos Órganos de Xestión da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, que a Deputación reforzará a sinalización deste espazo natural. Farao logo de acadar novos fondos do Organismo Autónomo Parques Nacionais (OAPN), dependente do Ministerio de Medio Ambiente, logo de converterse 1 das 4 administracións xestoras de Reservas en España que consegue financiamento malia que foron 45 as que formularon a súa solicitude.

Son 50.000 euros os que achega o Goberno Central, orzamento que recortou nun 95%, pois o anterior Executivo Estatal concedera un total de 1.175.000 euros para melloras nas Reservas dos Ancares Lucenses e Terras do Miño. A institución luguesa achega outros 10.000 euros, facendo que sexan 60.000 euros os que se dediquen a complementar a sinalización dos Ancares Lucenses.

En vías de accesos e puntos naturais de Navia de Suarna, Becerreá e Cervantes, Concellos que integran os Ancares Lucenses, a Deputación xa situou 11 sinais con fondos do convenio do anterior Goberno Central, que reforzará agora con este novo financiamento.

A Deputación conta cun Plan de Acción na Reserva dos Ancares Lucenses, dotado con 2 millóns de euros, que se investirán en máis melloras para a conservación do patrimonio, creación de servizos e emprego nesta zona.

Con estas actuacións, o organismo provincial cumpre cos requisitos do Programa Internacional sobre Persoa e Biosfera (MaB), cuxo obxectivo é dinamizar a económica da zona para mellorar a calidade de vida dos habitantes das Reservas, posto que a súa riqueza natural é un dos maiores motores produtivos. Unha axeitada sinalización, que aporte información sobre o patrimonio natural e cultural, é un factor clave para por en valor a figura da Reserva da Biosfera, e así darlle visibilidade a zona, fomentando o turismo.

Declarada en 2006, a dos Ancares Lucenses foi a segunda Reserva recoñecida en Lugo e a terceira de Galicia. A súa superficie total é de 53.664 hectáreas, o que supón aproximadamente o 6% do territorio da provincia. Inclúe os municipios de Navia de Suarna, Cervantes e Becerreá.


This site is registered on wpml.org as a development site.