A Deputación iniciou a contratación das obras nas pallozas do Piornedo á espera dos permisos da Xunta para poder inicialas

Fuente: Diputación Provincial de Lugo

– A institución rematou todos os trámites que son da súa responsabilidade para acometer as actuacións, que financia nun 65,5% con 160.000 euros, mentres a Xunta achega o 34,5% con 100.000 euros a través de fondos europeos.

– O organismo financia con 510.700 euros a mellora da estrada provincial LU-P-0707, de Armesto por Torés ás Nogais, que fai de acceso dende Becerreá e As Nogais á A-6 e a Sarria e rexistra un gran volume de usuarios.

A Xunta de Goberno aprobou este venres o inicio do proceso de contratación das obras de rehabilitación e impulso das Pallozas do Piornedo, á espera dos permisos legais e imprescindibles que a Xunta ten que conceder para poder comezalas. Así o anunciou o voceiro socialista do Goberno provincial, Manuel Martínez, quen destacou que a institución dá este paso horas despois da reunión da Comisión de Seguimento do convenio de colaboración coa Xunta e logo de que o organismo provincial liquidara todos os trámites que son da súa responsabilidade para a posta en marcha das obras.

Martínez explicou que ditas actuacións contan cun orzamento de 100.000 euros para a adquisición e instalación de palla de centeno nos 730 metros cadrados das cubertas destas construcións declaradas Ben de Interese Cultural (BIC). Estes traballos compleméntanse coas obras de dotación de alumeado público, cuxo proxecto está a finalizar o Concello de Cervantes co departamento autonómico de Patrimonio, dotadas de 74.000 euros, e coas de saneaneamento en Donís, orzamentadas en 30.00 0euros, e a prologación deste servizo no Piornedo, por valor de 56.000 euros.

A totalidade dos traballos de rehabilitación das pallozas, xunto cos servizos de saneamento e alumeado, contan cun orzamento de 260.000 euros, financiados nun 65,5% pola Deputación de Lugo e nun 34,5% pola Xunta de Galicia. O organismo provincial “inviste 160.000 euros de fondos propios, mentres a Xunta achega unha subvención de 100.000 euros, financiados nun 80% por fondos FEDER”, destacou o voceiro.

No mesmo senso, Martínez subliñou que “a Deputación, ademais de achegar un orzamento superior á Xunta, tamén se fará cargo da redacción e execución das obras ante o grave deterioro que sofren as pallozas logo de que o actual Goberno galego suprimise as axudas de 26.000 euros anuais para o seu mantemento. Todo isto, a pesares de ser a Xunta de Galicia a responsable legal da conservación dos Bens de Interese Cultural, como son as pallozas do Piornedo”.

Melloras na rede provincial de estradas

A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a contratación das obras de mellora na estrada LU-P-0707, de Armesto por Torés ás Nogais, por valor de 510.700 euros. Trátanse dunhas actuacións enmarcadas no Plan de Obras e Servizos (POS), financiadas na súa totalidade pola Deputación, logo de que o Goberno central de Rajoy suprimise o financiamento estatal deste programa.

As actuacións que se levarán a cabo nesta estrada, que fai de acceso dende Becerreá e As Nogais á A-6 e a Sarria e rexistra un gran volume de usuarios, consisten na mellora do trazado do firme, acondicionamento de curvas e incremento do ancho, pasando dos 4,30 metros aos 7,20. En total, acondicionaranse 5,5 quilómetros.


This site is registered on wpml.org as a development site.