O colexio de Navia: o mellor embaixador da fala da montaña



Fuente: La Voz de Galicia

O libro e a aplicación móbil «Palabras de noso» recolle léxico patrimonial dos Ancares para poñer en valor a cultura propia e afondar na historia local.

Non hai retos imposibles para o colexio CPI Plurilingüe de Navia de Suarna. O último dos seus traballos así o demostra. O alumnado, o profesorado e mesmo as familias, coordinados todos eles polo equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro, acaba de poñer en marcha a aplicación para Android Palabras de Noso e de publicar un libro, baixo o mesmo título, de léxico patrimonial da comarca dos Ancares.

Trátase de dúas ferramentas nas que recollen a riqueza léxica do país, con palabras características da montaña, inéditas ou en perigo de desaparecer. ¿Para que? «Para que a xente moza da bisbarra valore o tesouro lingüístico que aínda conserva e que, deste xeito, siga a manter o cariño que sente pola lingua milenaria dos seus devanceiros» e para poñer en valor «o noso, e non hai nada que máis nos pertenza que a lingua que aínda falamos moitos galegos, malia que a alguén non lle guste», explican desde o colexio. É este un traballo que, ademais de utilizarse a modo de dicionario, serve tamén para afondar na historia e cultura propias da zona.

Premio de Educación

A aplicación móbil Palabras de noso valeulle a este centro de Navia o primeiro premio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Xunta de Galicia para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística. Foron 2.000 euros de premio e con ese diñeiro publicaron un libro máis completo.

Agora o libro, que conta cunhas novecentas palabras, xa foi posto á venda por 5 euros. Está a disposición dos interesados en Bar Suarna, Bar Recreo, Bar Xegunde, Bar Arao e churrasquería Maribel, aínda que non se descartan ampliar os puntos de venda..

Cómo funciona a aplicación

A aplicación conta cun dicionario, ao que se pode acceder mediante o buscador para atopar unha palabra en concreto, ou mediante o índice alfabético. Para cada palabra aparece a definición, sinónimos e frases de exemplo. Ademais, teñen un formulario para que quen o desexe poida propoñer máis palabras. «O 90% das palabras foron recollidas na montaña, e son características da zona de Ancares: Navia, Cervantes e A Fonsagrada», explica un mestre do colexio.

Algunhas desas palabras, a modo de exemplo, son recadén, con súas acepcións (xugada que se pon detrás do carro para frealo nunha baixada, «Como había tanta pendente, houbo que poñer unha xugada de recadén para frear o carro»; ou ir de recadén, quedarse atrás, demorar, «Vas de recadén, apura o paso ou non chegamos hoxe ao souto»); ou farfallo, coa variante farfano, (cantidade pequena de neve que empeza a callar, «Muito alertaron do temporal, e non caeu un farfallo de neve»).

Un traballo de varios anos

Foi no ano 2009 cando empezaron este traballo de recollida de léxico, e mesmo crearon un grupo en Facebook para ir facendo públicos estes achados. Os propios nenos encargáronse de ir recollendo, dos seus pais e avós, palabras e expresións características da zona, co seu significado e unha frase a modo de exemplo do seu uso.

Logo, os mestres no centro fixeron despois o traballo de pulir e organizar todo o material. Deste xeito, ademais de léxico patrimonial, seleccionaron varios préstamos lingüísticos pola súa importancia, como castelanismos -pola influenza da proximidade co Bierzo ou Asturias, como fréjole-, ou termos de procedencia catalá ou francesa, debido á masiva emigración, como rondinar ou pubela.

Neste sentido, desde o prólogo do libro explican que «as falas locais exteriorizan toda a potencia dun inconsciente colectivo moi difícil de desenmarañar (…) Son moitas veces a auténtica expresión da alma dun pobo. Non son xergas, tampouco se poden considerar vulgares, aínda que por veces non estean exentas de vulgarismos e aplicacións indebidas da norma; son, sobre todo, falas familiares, populares, coloquiais e afectivas».

«Recollemos palabras e expresións que caracterizan a forma de falar das xentes da comarca dos Ancares lugueses, que son sinais de identidade que acompañan as vidas de moitas persoas e que serven como referencia para situalas no mundo»

«As falas locais exteriorizan toda a potencia dun inconsciente colectivo moi difícil de desenmarañar.»


This site is registered on wpml.org as a development site.