A Deputación de Lugo impulsa os 4 xeodestinos lucenses en Portugal co Expocidades 2017



Fuente: Deputación de Lugo

– O Deputado de Turismo participou na inauguración da feira turística do Eixo Atlántico que se celebra en Portugal e á que se sumaron os Concellos de Vilalba, Cervo, Viveiro, Mondoñedo, Baleira, Meira, Burela, A Pontenova e Xermade
– Vidal Baamonde subliñou que “a provincia de Lugo caracterízase pola súa diversidade cultural e paisaxística, aportando unha oferta turística variada e singular que ofrece ao visitante múltiples posibilidades para vivir unha experiencia única”
Expocidades é un escaparate único para dar a coñecer a diversidade turística lucense non só no país veciño, senón tamén de fóra pois, de media, esta feira de turismo conta cuns 6.000 visitantes chegados de diferentes países de Europa

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, participou este xoves na inauguración de Expocidades 2017, a feira turística do Eixo Atlántico que, nesta ocasión, se celebra na localidade lusa de Vila Real ata o vindeiro sábado. O Goberno da Deputación promociona a provincia de Lugo en Portugal poñendo a disposición de todos os Concellos da provincia o seu stand para dar a coñecer e promocionar as potencialidades turísticas da provincia, tanto no seu conxunto, como a nivel individual. A carpa atópase situada na Alameda de Grasse e estará aberta ao público durante as 3 xornadas, nun horario de 11:30 a 22:00 horas.

Vidal Baamonde subliñou que “a provincia de Lugo caracterízase pola súa diversidade cultural e paisaxística, aportando unha oferta turística variada e singular que ofrece ao visitante múltiples posibilidades para vivir unha experiencia única. Hoxe contamos con representación dos catro xeodestinos por excelencia: a Mariña Lucense, Lugo e Terra Chá, Ancares-Courel e a Ribeira Sacra, polo que todos os visitantes do Expocidades 2017 poderán coñecer as potencionalidades infinitas da nosa provincia”.

O Deputado de Turismo engadiu que “con esta iniciativa, ofrecemos información sobre destinos clave na provincia como son os Camiños de Santiago; as Reservas da Biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses, a Ribeira Sacra, A Mariña e a Terra Chá”.

Tamén se dará promoción aos Concellos que finalmente decidiron sumarse á proposta do Goberno da Deputación. Estes son: Vilalba, Cervo, Viveiro, Mondoñedo, Baleira, Meira, Burela, A Pontenova e Xermade. Ademais do espazo da Deputación de Lugo, integrante do Eixo Atlántico, a provincia estará tamén representada polos Concellos de Monforte de Lemos e Lugo, que terán stands propios por seren municipios que integran esta entidade de colaboración transfronteiriza.

Expocidades é un escaparate único para dar a coñecer a diversidade turística lucense non só no país veciño, senón tamén de fóra pois, de media, esta feira de turismo conta cuns 6.000 visitantes chegados de diferentes países de Europa.

Durante a fin de semana, realizaranse tamén de xeito paralelo outras actividades como degustación de produtos típicos de cada municipio, actuacións musicais e de teatro, proxección de documentais ou encontros turísticos para profesionais do sector.

XII Xogos do Eixo Atlántico
O Goberno da Deputación, ademais, decidiu achegar 100.000 euros para que Lugo acolla por 1ª vez os Xogos do Eixo Atlántico. Esta proba deportiva, organizada conxuntamente polos Concellos de Lugo, Monforte, Sarria e a Deputación de Lugo, dará comezo o día 4 de xullo e rematará o día 9. Participarán ao redor de 2.000 atletas, dos que 1.500 chegarán de fóra da provincia.

Nesta edición dos xogos haberá tres sedes, dependendo das modalidades deportivas. Así, nas instalacións da cidade de Lugo disputaranse as competicións de fútbol 7 masculino, natación e natación adaptada, atletismo e adaptado (tanto en pista como en cross) e baloncesto masculino e feminino; en Monforte celebrarase a disciplina de voleibol feminino, mentres que en Sarria terán lugar as modalidades de balonmán masculino e ximnasia rítmica, sendo esta a novidade desta edición.


This site is registered on wpml.org as a development site.