Fuente: Deputación de Lugo
– Os interesados en participar deberán presentar os seus traballos no Rexistro Provincial do Pazo de San Marcos ata o próximo 30 de novembro. As tres mellores fotografías recibirán premios en metálico de 800, 500 e 300 euros, respectivamente
– López Izquierdo subliñou que “nesta ocasión, o concurso ten como tema central a harmonía entre persoas e natureza. Preténdese, polo tanto, que nas instantáneas se amosen oficios tradicionais que se atopan integrados na natureza, infraestruturas ou patrimonio material, inmaterial e etnográfico que están en harmonía coa natureza”
– O Goberno da Deputación promove este concurso de fotografía para dar a coñecer e poñer en valor a riqueza paisaxística e ambiental, así como os recursos naturais dos que dispón a provincia de Lugo a través destes espazos distinguidos pola UNESCO
A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, informou este martes da posta en marcha da cuarta edición do certame fotográfico das Reservas da Biosfera Terras do Miño e os Ancares Lucenses. O Goberno da Deputación promove este concurso de fotografía, dotado de 1.600 euros, para dar a coñecer e poñer en valor a riqueza paisaxística e ambiental, así como os recursos naturais dos que dispón a provincia de Lugo.
López Izquierdo subliñou que “nesta ocasión, o concurso ten como tema central a harmonía entre persoas e natureza, nestes espazos naturais que contan co distintivo da UNESCO. Preténdese, polo tanto, que nas instantáneas se amosen oficios tradicionais que se atopan integrados na natureza, infraestruturas ou patrimonio material, inmaterial e etnográfico que están en harmonía coa natureza”.
Os tres mellores traballos presentados recibirán premios en metálico de 800, 500 e 300 euros, respectivamente. Os criterios a valorar serán a composición, orixinalidade e calidade estética da imaxe. O xurado fará público o resultado no mes de decembro.
Prazo aberto ata o 30 de novembro
O prazo de presentación dos traballos xa está aberto ata o próximo 30 de novembro a través do Rexistro Provincial do Pazo de San Marcos e poderán optar ao premio todas as persoas maiores de idade que non fosen premiadas anteriormente. As fotografías, que poden ser en branco e negro ou en cor, deben realizarse no territorio das Reserva da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá, tendo como temática Harmonía persoas e natureza.
Os participantes deberán entregar as imaxes recollidas nun CD e tamén copia en papel fotográfico, dentro dun sobre pechado que inclúa o nome e apelidos do autor, data de nacemento, enderezo, teléfono, correo electrónico, título da obra e lugar onde se realizaron. Cada autor só pode presentar unha fotografía. As bases completas poden consultarse na web www.deputacionlugo.gal.