Os Bolechas protagonistas do libro sobre a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses que editou o Goberno da Deputación



Fuente: Deputación de Lugo

– Fernández Queipo presentou este sábado a guía no CEIP de Cervantes, aos centros da Reserva dos Ancares (Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá) e o centro das Nogais

– O Deputado de Medio Ambiente subliñou que “escollemos aos Bolechas para que amosen a riqueza cultural e patrimonial deste territorio e para facer conscientes aos máis cativos do privilexio e o orgullo que supón vivir nun lugar coma este”

– O Goberno da Deputación editou 8.200 exemplares que se repartirán por todos os centros da provincia para que os alumnos traballen e se familiaricen co entorno 

O Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, presentou este sábado no CEIP de Cervantes a guía de Os Bolechas: Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá, cuxo autor é Pepe Carreiro. Á cita acudiron os 3 centros da Reserva dos Ancares (Cervantes, Navia de Suarna, Becerreá), o centro de As Nogais e as persoaxes dos Bolechas. O Goberno da Deputación editou 8.200 exemplares que se repartirán entre todos os centros escolares lucenses para poñer en valor e dar a coñecer a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses entre os alumnos da provincia, e deste xeito, poidan traballar e familiarizarse co entorno.

Fernández Queipo sinalou que “a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses é un dos patrimonios naturais lucenses máis valiosos e dende o Executivo Provincial, traballamos para divulgar a importancia destes espazos entre a poboación. Por iso, escollemos aos personaxes dos Bolechas como protagonistas desta guía, onde amosan a riqueza natural, cultural e patrimonial dos montes de Cervantes, Navia e Becerreá, e así facer conscientes os máis cativos do privilexio e orgullo que supón vivir nun lugar coma este.”

Os Bolechas

Os Bolechas é o nome dunha serie infantil de libros en galego que narran as aventuras dunha familia de ficción creada por Pepe Carreiro no ano 2000 e que conta con máis de 550 títulos e máis dun millón e medio de exemplares distribuídos. 2012 Os Bolechas deron o salto á televisión a través da TVG a través do programa Xabarín Club. Actualmente emítese xa a sexta tempada.

Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses

A Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses foi a segunda que a UNESCO declarou en Galicia, no ano 2006, e é a 3ª máis grande da comunidade autónoma. A súa superficie total é de 53.664 hectáreas, o que supón aproximadamente o 6% do territorio da provincia. Neste espazo natural, están incluídos 3 Concellos da montaña lucense: Navia de Suarna, Becerreá e Cervantes.


This site is registered on wpml.org as a development site.