A Deputación impulsa o turismo científico nos Ancares-O Courel



Fuente: Deputación de Lugo

– Esta proposta  busca un aproveitamento integral dos recursos de Ancares-Courel coa identificación de puntos de interese turístico-científico, así como a creación dunha oferta de actividades que permitan o desfrute deste espazo natural

– A iniciativa está enmarcada dentro do Plan Estratéxico de Turismo, que recolle a necesidade de desenvolver actuacións diferenciais para reforzar a oferta turística aproveitando os valores distintivos dos que gozamos na provincia

– Vidal Baamonde remarcou que “esta iniciativa é unha oportunidade única para o desenvolvemento desta Comarca, polas súas singulares condicións, ao mesmo tempo que contribúe a poñer en valor este territorio”

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, avanzou que “o Goberno da Deputación impulsa o turismo cientifico coa creación dun ecosistema integrado nos Ancares- O Courel. Unha iniciativa coa que o executivo provincial propón o desenvolvemento de fórmulas turísticas diferenciais para este territorio da Montaña Lucense”.

Vidal Baamode, remarcou que “esta proposta é unha oportunidade única para o desenvolvemento desta Comarca, polas súas singulares condicións, e ao mesmo tempo contribúe a poñer en valor este territorio. O turismo Científico é o guante perfecto que permite crear vínculos sostibles entre turismo, conservación e ciencia nos espazos naturais protexidos. Mediante esta iniciativa búscase informar e achegar ao visitante a temas tan interesantes como a astronomía, botánica, fauna, paleontoloxía, arqueoloxía, xeoloxía, ecoloxía, etc. E tamén, dar a coñecer a intensa labor de investigación que os científicos realizan para conservar e poñer en valor este patrimonio natural”.

 

Propostas ata o 23 de marzo

O proxecto do Goberno da Deputación xa se puxo en marcha coa aprobación dos pregos que rexerán a creación dun ecosistema integrado de turismo científico nos Ancares-Courel. Tras a publicación no BOP das prescricións técnicas desta prestación, os interesados poden enviar as súas propostas ata o día 23 de marzo.

 

Esta iniciativa está enmarcada dentro do Plan Estratéxico de Turismo posto en marcha polo executivo provincial, que entre os seus obxectivos recolle a necesidade de desenvolver actuacións diferenciais que permitan reforzar a oferta turística a través dos valores distintivos dos que goza a nosa provincia.

 

Neste Plan de Turismo deseñado pola Deputación, constatase que a provincia dispón dunha ampla gama de produtos estratéxicos susceptibles de ser aproveitados como recursos turísticos, entre os que sobresae o turismo de natureza no que se identifican diferentes subtipos, un dos cales é o turismo científico que se propón implementar no territorio de Ancares-Courel. O xeodestino Ancares- O Courel está composto polos concellos da Fonsagrada, As Nogais, Baleira, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, O Incio, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Triacastela e Samos.

 

O concepto de turismo científico está enfocado ao desenvolvemento científico e permite explicar os valores dun territorio da man do coñecemento xerado nel. Polo tanto, con esta novidosa proposta trátase de divulgar e difundir os valores dun lugar ou recurso a través de medios e soportes que axuden a súa mellor accesibilidade física e intelectual. Trátase, polo tanto, de desenvolver actividades de exploración e aventura, interpretación científica ligada ao ecoturismo e ao turismo industrial ou mesmo a investigación científica.

 

A Comarca dos Ancares-O Courel é un dos maiores espazos naturais de Galicia, no que conviven diferentes niveis de protección polos seus valores naturais e ambientais patrimoniais. Hai que lembrar que a UNESCO declarou a Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá no ano 2006; zona de especial conservación ZEC Ancares-Courel e Zona de Especial Protección para as Aves Ancares (ambas da Rede Natura 2000), Reserva Nacional de Caza e Zona de Especial Protección do Oso Pardo, e a declaración da Serra dos Ancares en Cervantes (Vilarello de Donis, Piornedo e Suarbol) como Paraxe Pintoresco no 1971.

 

Co impulso desta iniciativa búscase un aproveitamento integral dos recursos de Ancares-Courel coa identificación de puntos de interese turístico-científico; a creación dunha oferta de actividades que permitan o desfrute do espazo natural durante todo o ano e para todo tipo de público, así como o fortalecemento do capital social vencellado a esta temática para impulsar relacións máis estreitas entre turismo e sociedade a través dunha temática que permite contemplar o territorio dun xeito transversal.

 

Procedemento para a creación dun ecosistema

Para a creación do ecosistema integrado de turismo científico no espazo natural Ancares-Courel, realizaranse as seguintes actuacións;

 

– Realización dunha auditoría para a elaboración dunha diagnose previa do territorio.

– Certificación do territorio cun selo, marca ou distintivo de turismo científico

– Deseño e implementación dunha estratexia de turismo científico

– Creación de contidos para a construción do produto de turismo científico

– Creación dunha rede capital social para a implantación dos axentes clave

– Accións de comunicación dos resultados de proxecto e promoción do produto

 

Accións a desenvolver

Os traballos que se enmarcan dentro da fase de creación de contidos incluirá as seguintes accións; a creación dun grupo de traballo cos axentes clave do territorio; unha páxina web para o proxecto; o deseño dun catálogo divulgativo de bens de interese científico deste espazo, así como cinco itinerarios temáticos ligados ao turismo científico e a creación dunha APP. Ademais realizará o desenvolvemento dunha programación anual de turismo científico, que inclúa 6 actividades; unha campaña de promoción e comunicación do proxecto. O desenvolvemento dun proxecto de ciencia cidadá que permita un achegamento entre os conceptos ciencia-turismo-sociedade, e por último celebrarase unha xornada para a exposición de iniciativas de turismo científico, acompañados dun seminario sobre turismo científico para empresas do sector e un seminario para a formación de guías/ informadores turísticos.


This site is registered on wpml.org as a development site.