A Deputación pon en valor a Vía Romana XIX colaborando cunha ruta BTT que terá lugar o sábado



Fuente: Deputación de Lugo

O Executivo Provincial colabora coa Asociación Bike Stop Lugo na organización desta cita, para o que levou a cabo traballos de desbroce en Lugo, O Corgo e Becerreá, nas Reservas da Biosfera de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses

Rivera Capón subliñou que “esta iniciativa serve para dar a coñecer e poñer en valor o noso patrimonio histórico e natural. Trátase dun itinerario bimilenario que durante a época romana comunicaba as cidades fundadas polo Emperador Augusto en Gallaecia”

A cita dará comezo o sábado, con saída ás 9:00 horas dende O Comeal, en Cervantes, e finalizará en torno ás 19:00 horas coa chegada á capital luguesa. En total participarán 30 persoas, que percorrerán os 99 quilómetros deste itinerario romano que conecta a Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses coa de Terras do Miño

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, presentou este xoves a Ruta BTT Vía Romana XIX, que terá lugar o vindeiro sábado 15 de setembro, organizada pola Asociación Bike Stop Lugo, co apoio do Goberno da Deputación. Na presentación tamén participaron os coordinadores do evento, Alberto Pereira Rego e Fernanda Follana Meira, así como Rúben Álvarez Asorey, arqueólogo e coautor do libro Vía Romana XIX, editado polo Executivo Provincial.

Rivera Capón subliñou que “para o Goberno da Deputación é un privilexio colaborar con este tipo de iniciativas, pois serven para dar a coñecer e poñer en valor o noso patrimonio histórico e natural. Con esta ruta BTT promovemos un itinerario bimilenario que durante a época romana comunicaba as cidades fundadas polo Emperador Augusto en Gallaecia: Bracara Augusta (Braga) e Lucus Augusti (Lugo), prolongándose ata Astúrica Augusta (Astorga). Xa nos nosos días, atravesa 6 concellos da provincia: Cervantes, Becerreá, Baralla, Castroverde, O Corgo e Lugo”.

O Deputado de Deportes engadiu que “dende o Executivo levamos a cabo a limpeza e desbroce de varios tramos da ruta, concretamente na entrada de Lugo, no núcleo de Campelo (no Corgo), e no núcleo de Ouselle (en Becerreá), para mellorar o percorrido e a experiencia dos participantes”.

A cita dará comezo o sábado, con saída ás 9:00 horas dende O Comeal, no Concello de Cervantes, e finalizará en torno ás 19:00 horas coa chegada á capital luguesa. En total participarán 30 persoas, que percorrerán os 99 quilómetros deste itinerario romano.

Vía Romana XIX
A Vía XIX era unha calzada romana da época de Augusto, descrita no Itinerario de Antonino, que unía as cidades de  Bracara  Augusta (Braga), Ponche de Lima, Tude (Tui), Turoqua (Pontevedra), Aquis Celenis (Caldas de Rei), Iria, Martiae,  Lucus  Augusti (Lugo) e  Asturica  Augusta (Astorga).

A Deputación de Lugo editou no marco do proxecto europeo Vías Atlánticas o libro Vía Romana XIX. Unha Viaxe dende Lugo aos Ancares, seguindo as pegadas de Roma, dos autores Antonio Rodríguez Colmenero e Rubén D. Álvarez Asorey. Este libro afonda nesta ruta turístico-cultural transfronteiriza que, ademais, atravesa zonas cun importante patrimonio histórico e arqueolóxico.


This site is registered on wpml.org as a development site.