A Deputación promove o patrimonio natural e histórico da provincia de Lugo con 5 roteiros



Fuente: Deputación de Lugo

Trátase da iniciativa Rutas de Historia, posta en marcha polo portal Historia de Galicia, co patrocinio do Executivo e Abanca, e o apoio de entidades de defensa do patrimonio. As rutas serán por Xove, Sober, Monforte, A Pobra, A Fonsagrada e Becerreá, na Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses

Fernández Queipo subliñou que “estas rutas de sendeirismo son un bo reclamo para atraer turistas e dinamizar a economía do rural lugués. Non en vano, na primeira edición dos roteiros que tivo lugar o ano pasado participaron preto de 500 persoas de toda Galicia, que comeron e pernoitaron nos establecementos lucenses”

As andainas comezarán o 15 de setembro e rematarán o 20 de outubro. Teñen unha duración de entre catro e cinco horas e realizaranse durante as mañás do sábado ou domingo. Inscricións en www.rutasdehistoria.com ou www.rutasdehistoria.gal

O Vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo, presentou este mércores un ciclo de cinco roteiros que o Goberno da Deputación organiza en colaboración co diario dixital Historia de Galicia, para dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio natural e histórico da provincia de Lugo. No acto tamén participaron Xurxo Salgado, Coordinador do portal web Historia de Galicia e do proxecto Rutas de Historia, e Manuel Miranda, Presidente de Mariña Patrimonio.

O Executivo Provincial achega 4.500 euros para poñer en marcha esta iniciativa, que pretende achegar á cidadanía o patrimonio oculto que atesoura a provincia de Lugo, promovendo ao mesmo tempo o turismo activo e dinamizando a economía do rural lugués. Esta colaboración permitirá desenvolver cinco rutas de sendeirismo durante os meses de setembro e outubro, que transcorreran polos concellos de Xove, Sober, Monforte, A Pobra do Brollón, A Fonsagrada e Becerreá, na Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses.

Fernández Queipo subliñou que “a través deste ciclo de roteiros pretendemos achegar a todos os lucenses a riqueza paisaxística e patrimonial coa que contamos na provincia, incidindo na importancia de conservar o medio ambiente. Así, a costa da Mariña, a Serra dos Ancares, o Canón do Sil, o Val de Lemos, e A Fonsagrada  son algúns dos lugares onde terán lugar estas andainas, que abarcan varios períodos históricos; desde o neolítico ata a época contemporánea”.

O Vicepresidente engadiu que “ao mesmo tempo, estas rutas de sendeirismo son un bo reclamo para atraer turistas e dinamizar a economía do rural lugués. Non en vano, na primeira edición dos roteiros que tivo lugar o ano pasado participaron preto de 500 persoas de toda Galicia, que comeron e pernoitaron nos establecementos lucenses”.

Neste senso, a organización do roteiro pacta con restaurantes locais un menú para os participantes que así o desexen, ademais de facilitar aloxamentos nas vilas e concellos onde teñen lugar os roteiros. En 2017, máis de 150 persoas obtaron polos menús pactados con restaurantes locais e case un cento de persoas pernoitou en hoteis ou casas rurais dos concellos onde comezaron os roteiros.

Pola súa parte, Xurxo Salgado subliñou que “nesta segunda edición, Rutas de Historia quere volver repetir esta exitosa experiencia. Este ano, o proxecto quere centrarse nas riquezas patrimoniais de Lugo, e, por iso, artellou cinco roteiros históricos específicos en distintos puntos desta provincia. Tal e como aconteceu o pasado ano, neste proxecto colaboran diversas entidades e asociacións locais, o que incrementa a súa visibilidade”.

Na realización destas andainas, que están coordinadas polo portal www.historiadegalicia.gal e que contan co patrocinio da Deputación e Abanca, colaboran representantes de importantes entidades de defensa do patrimonio como Mariña Patrimonio, Patrimonio Galego, Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Patrimonio dos Ancares, o Proxecto Arqueolóxico do Castro de San Lourenzo, o Colado do Vento ou o Colectivo Capitán Gosende.

Así, entre os guías destas andainas estarán Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio; Miguel Losada, secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA);  Manuel Gago, director de Cultura Galega e investigador; Elixio Vieites, investigador e membro de Patrimonio Galego; Xabier Moure, presidente de Patrimonio dos Ancares (membro do Órgano de Participación da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses); Paula Vázquez Verao, do Colado do Vento ou Xurxo Ayán e Xosé Gago do Proxecto Arqueolóxico do Castro de San Lourenzo.


This site is registered on wpml.org as a development site.