Fuente: Deputación de Lugo
Durante o ano 2018, celebráronse 42 iniciativas coas que o Goberno procura pór en valor este territorio e dinamizalo a nivel turístico, económico e social, nos tres Concellos que integran este ecosistema
Fernández Queipo subliñou que “somos conscientes da importancia de promover accións de sensibilización social en defensa da protección do medio ambiente, como neste caso son os territorios de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá”
“Pretendemos resaltar o patrimonio etnográfico, cultural, patrimonial e medio ambiental do territorio integrado por estes tres Concellos de montaña”, destacou
Un total de 409 persoas de todas as idades participaron nas actividades que a Deputación de Lugo ofreceu de xeito totalmente gratuíto para difundir e pór en valor a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses nos Concellos de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá. Así o manifestou o Vicepresidente e Deputado de Medio Ambiente, no encontro dos membros do órgano participativo deste espazo natural.
Fernández Queipo subliñou que “dende o Executivo Provincial, o noso obxectivo céntrase en dinamizar economicamente e turisticamente estes Concellos da Montaña que posúen un enorme interese e moitas potencialidades. Pretendemos resaltar o patrimonio etnográfico, cultural, patrimonial e medio ambiental do territorio integrado por estes tres Concellos de montaña”.
O Vicepresidente destacou que “con estas actividades durante o ano 2018, quixemos afondar sobre aspectos moi importantes no eido medioambiental da nosa provincia. Somos conscientes da importancia de promover accións de sensibilización social en defensa da protección do medio ambiente, como neste caso son as Reservas da Biosfera, que representan case o 55 por cento do territorio total da provincia, o que a converte nunha das maiores riquezas que temos todos os lucenses”.
Proxectos
O Executivo provincial coordinou a posta en marcha do proxecto A Gran Senda do Navia. A iniciativa foi impulsada por 7 Concellos lucenses (Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro) e outros 9 asturianos, para crear de forma conxunta unha ruta peonil e cicloturista de máis de 360 quilómetros ao longo do curso do río Navia. Con este proxecto, búscase contribuír ao desenvolvemento de catro comarcas pertencentes a dúas comunidades autónomas, que suman unha poboación de 33.000 habitantes.
A Deputación impulsou, xunto coa USC, o proxecto de investigación para o aproveitamento sustentable e a valorización da Árnica Montana L. no territorio das Reservas da Biosfera existentes na provincia. A iniciativa está orientada a afondar na análise da diversidade xenética desta planta, que presenta propiedades terapéuticas acaídas para a absorción de hematomas e como antiinflamatorio, e que está a experimentar unha crecente demanda por parte da industria farmacéutica.
O organismo provincial participou no proxecto DiálogosRB.net, organizado dende a Rede Española de Reservas da Biosfera, xestionada polo Organismo Autónomo Parques Nacionales. O obxectivo desta iniciativa consiste na recollida de coñecementos para a realización de boas prácticas en favor do desenvolvemento sostible.
O Goberno da Deputación impulsou o turismo científico nos Ancares-O Courel, na procura dun aproveitamento integral dos recursos da zona, e propuxo o desenvolvemento de fórmulas turísticas diferenciáis para este territorio da Montaña Lucense. Por exemplo, a identificación de puntos de interese turístico-científico, ou unha oferta de actividades que permitiron o desfrute deste espazo natural.
Neste Plan de Turismo deseñado pola Deputación, constatouse que a provincia dispón dunha ampla gama de produtos estratéxicos susceptibles de ser aproveitados como recursos turísticos, entre os que sobresae o turismo de natureza no que se enmarca o turismo científico que se pretende implementar no territorio de Ancares-Courel. Este xeodestino está composto polos Concellos da Fonsagrada, As Nogais, Baleira, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, O Incio, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Triacastela e Samos.
Encontros
O Executivo provincial recibiu á organización peruana SAIPE e á Fundación Taller de Solidariedade de Lugo para coñecer as características do proxecto de xestión forestal sostible Life in Common Land e o estudo de planificación urbana Life Lugo + Biodinámico. A intención destes colectivos era obter novas vías de coñecemento e alternativas de aplicación adaptadas aos medios con comunidades indíxenas na selva amazónica. Así mesmo, tamén recibiu a representantes do proxecto Erasmus + 2018 – 2020 Let us Bring Europe Together for Heritage – Let’s BET for Heritage, para a difusión das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.
Publicacións
A Reserva da Biosfera participou na Guía Turística de recursos naturais da Eurorrexión Eixo Atlántico, que distribúe o Eixo Atlántico en oficinas de turismo e lugares de paso de viaxeiros de toda Galicia e o Norte de Portugal. Tamén colaborou no Catálogo de Experiencias Demostrativas da Rede Española de Reservas da Biosfera editado polo Organismo Autónomo de Parques Nacionais (OAPN). Tamén colaborou na 5ª edición da Revista Micolucus, que inclúe traballos das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.