Fuente: Deputación de Lugo
Os participantes recibirán formación especializada sobre viabilidade comercial, técnica, legal, medioambiental e económico-financeira das súas ideas empresariais
O obxectivo desta acción formativa é ofrecer asesoramento sobre a posta en marcha de negocios que manteñan prácticas respectuosas co medio ambiente nos Concellos integrados dentro da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses
As persoas interesadas en participar poden apuntarse no espazo que se atopa habilitado en www.deputacionlugo.gal ou chamando ao 982 227 813
O VI Campus de Emprendemento Sostible da Deputación na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses comezou este luns, co seminario Campus de motivación e xeración de ideas, no que están a participar 8 persoas. Os seminarios desenvolveranse no Edificio de Servizos Múltiples, en Cervantes, ao longo de 4 xornadas.
Durante os vindeiros días, os participantes coñecerán a viabilidade dos seus proxectos e recibirán asesoramento técnico, económico, comercial ou medio ambiental para a súa posta en marcha. Explicaranse os principais elementos a ter en conta á hora de crear unha empresa, así como os instrumentos que contribúen a unha boa idea empresarial, como identificar as oportunidades de negocio.
Durante os tres primeiros días, as xornadas serán carácter máis teórico. Así, ata o vindeiro mércores, 27 de marzo, os participantes recibirán formación especializada sobre viabilidade comercial, técnica, legal, medioambiental e económico-financeira das súas ideas empresariais.
Visita a empresas
A parte práctica celebrarase o xoves 28, co percorrido que os emprendedores realizarán ao longo de todo o día por distintos negocios de éxito establecidos en diferentes Concellos da Reserva da Biosfera Terras do Miño.
Estas empresas están enfocadas a diferentes actividades, co denominador común de manter prácticas respectuosas co medio ambiente. Con esta experiencia, os participantes poderán afondar un pouco máis nas súas ideas empresariais e comparar experiencias que lles axudarán a analizar a viabilidade dos seus proxectos.
Unha vez finalizado o campus, os emprendedores contarán con titorías de asesoramento personalizadas, coas que poderán continuar o traballo iniciado, para poñer en marcha as súas ideas de negocio.
Últimas prazas
Todas as persoas interesadas nos seminarios que se están a celebrar no Concello de Cervantes para os emprendedores da zona dos Ancares Lucenses, aínda poden facer a súa solicitude de inscrición a través da web da Deputación, www.deputacionlugo.com, cubrindo o formulario en http://cursos.deputacionlugo.org/terrasmino_rato/ou chamando ao 982 227 813.