16 persoas participan en Navia de Suarna nun obradoiro gratuíto da Reserva da Biosfera sobre deshidratación de alimentos



Fuente: Deputación de Lugo

A actividade Deshidratación de froitas e hortalizas, que tivo lugar este venres na Escola de Barcia, ofreceu formación para levar a cabo técnicas básicas de conservación de froitas e hortalizas

16 persoas participaron este venres no obradoiro gratuíto sobre Deshidratación de froitas e hortalizas, que ofrece a Deputación, dentro da programación de actividades medioambientais nos Ancares Lucenses para o primeiro trimestre do ano. O Vicepresidente e Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, destacou que “este era un curso destinado a  achegar coñecementos prácticos e teóricos que permitan aos participantes deshidratar froitas e hortalizas e a concienzalos sobre a necesidade da aplicación das boas prácticas de Manufactura, que contribúa a apreciar o valor de mercado dos nosos produtos”.

Fernández Queipo, subliñou que “o Goberno da Deputación busca contribuír á conservación da contorna medioambiental e poñer en valor os recursos da zona e a gastronomía deste espazo natural da rexión dos Ancares Lucenses, que abrangue os Concellos de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá”.

O obradoiro tivo unha duración de 4 horas nas que os participantes aprenderon as características organolépticas dos alimentos deshidratados e liofilizados; a aplicación de técnicas tradicionais de conservación de alimentos perecedoiros; e o impacto medioambiental do uso de aparatos para o proceso a seguir polo método de secado.

A través deste tipo de iniciativas, o Goberno busca fomentar entre a cidadanía valores relacionados coa conservación e mantemento do medio ambiente, e ao mesmo tempo dar a coñecer a contorna natural da provincia, co fin de aprender a respectala e coidala.

24 actividades e 500 participantes
Preto de 500 persoas de todas as idades poderán participar durante o 2019 na programación de actividades medioambientais e gratuítas que ofrece a Deputación na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses. Serán un total de 24 actividades as que se desenvolverán durante este ano nos tres Concellos da Reserva da Biosfera-Ancares Lucenses: Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá. A oferta inclúe cursos, obradoiros e campamentos.

Entre as diferentes actividades, haberá varias relacionadas coa natureza e a agricultura, como os obradoiros de plantas medicinais, plantas aromáticas, reciclaxe, horto, técnicas de enxerto, compostaxe e micoloxía; ou cursos de cociña cos que aprender a facer pasta, ou deshidratar de alimentos. Con isto, preténdese contribuír á conservación da contorna medioambiental e poñer en valor os recursos da zona e a gastronomía da rexión dos Ancares.

Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses
Os Ancares lucenses foron declarados Reserva da Biosfera pola UNESCO en 2006. A súa superficie é de 53.664 hectáreas, o 6 % do total da provincia. Os montes de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá concentran unha gran riqueza de bens culturais, entre os que figuran dolmens, castros, petroglifos e edificacións históricas. Así, no Concello de Becerreá atópase o dolmen de Vilouta, o castro de Cantiz, as igrexas de Penamaior e San Pedro de Cadoalla e as pontes de Gatín e de Cruzul. No referente ao Concello de Cervantes, alí está situada a necrópole megalítica da Pena dos Mouros, os petróglifos de Campa do Barreiro, o castro de Santa María, o Castelo de Doiras, o Pazo de Quindous ou a igrexa de Donís. No Concello de Navia de Suarna atópase a mámoa de Ferreirúas, a ponte e o castelo da Pobra de Navia e os castros de Cantón, Cabanela e Pin.


This site is registered on wpml.org as a development site.