15 mozos do IES de Becerreá coñecen 3 empresas de éxito que están a reinventar o rural en Lugo



Fuente: Deputación de Lugo

O Voceiro do Goberno mantivo este xoves un encontro con estes mozos que están a recibir formación e asesoramento gratuíto para emprender, a través do Campus de Emprendemento Sostible

Santos Ramos destacou que “ofrecemos esta formación para dar a coñecer iniciativas empresariais consolidadas por toda a provincia, coas que animar aos mozos lucenses a emprender aproveitando os recursos naturais da provincia”

As entidades que visitaron son Milhulloa e Arqueixal, ambas as dúas en Palas de Rei, e Artesanía e Calabazas Mago de Luz, no Corgo

O Voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, mantivo un encontro con 15 alumnos do IES de Becerreá que están a recibir formación e asesoramento gratuíto para emprender, a través do Campus de Emprendemento Sostible. Fíxoo durante unha visita dos alumnos a empresas de éxito que están a reiventar o rural da provincia de Lugo, incluída dentro desta programación coa que o Goberno da Deputación busca xerar novas oportunidades nos ámbitos mais rurais. As entidades que visitaron son Milhulloa e Arqueixal, ambas as dúas en Palas de Rei, e Artesanía e Calabazas Mago de Luz, no Corgo.

Santos Ramos subliñou que “a través desta programación, impulsamos o emprego na provincia ofrecendo a emprendedores formación, asesoramento individualizado e coñecemento sobre iniciativas empresariais consolidadas. Ademais, ofrecemos visitas ás empresas, como hoxe, co obxectivo de abrir novos negocios ou reconverter os existentes, facéndoos máis competitivos e incrementando os seus beneficios”.

Iniciativas de éxito que reinventan o rural


As 3 empresas que visitaron este xoves os mozos de Becerreá están a aproveitar os recursos naturais de xeito sostible e son bos exemplos de que o rural lucense ten moita potencialidade. Baixo unha filosofía ecolóxica, os seus promotores ensinan aos rapaces que con creatividade pódese vivir e traballar no rural xerando riqueza cos recursos naturais existentes. Estas son:

– Milhulloa, naceu no ano 2001, en Palas de Rei da man de 3 mulleres emprendedoras. Esta cooperativa de Lugo, dedicada á produción ecolóxica e comercialización de hortalizas e plantas medicinais, emprega técnicas de cultivo ecolóxico que preservan a biodiversidade do entorno e permiten obter produtos de maior calidade, cada vez, máis demandados polos actuais consumidores.

– Arqueixal, é una empresa de sabor tradicional e ecolóxico que naceu no rural lucense no ano 1989. Coa leite ecolóxica que producen a súas vacas elaboran seguindo as receitas tradicionais excelentes manteigas, iogures e queixos artesanais, un cremoso e outro curado, Da Nabiza, de 4 meses de maduración. Na actualidade Arqueixal ademais de ser unha granxa ecolóxica conta cunha casa museo e ofrece aloxamento de turismo rural.

– Artesanía e Calabazas Mago de Luz, o empresario Blas Piñar Martínez, comezou fai sete anos a cultivar cabazas coa idea de crear figuras e lámpadas no seu taller, en Laxosa (O Corgo), para venderllas ós peregrinos. Trátase dunha empresa creada ao abeiro do Campus de Emprendemento Sostible da Deputación, que lle deu a formación necesaria para poder facer realidade o seu modelo de negocio.


This site is registered on wpml.org as a development site.