«Hai que valorar a cultura do rural»



Fuente: La Voz de Galicia

Ismael Álvarez é un mozo de Navia que recolle nunha páxina 70 xogos da tradición popular de Os Ancares

Cando cultura, tradición e mocidade van da man, o resultado non pode ser máis que proveitoso. Esa era a arela de Ismael Álvarez, un veciño de vinte e poucos anos orixinario de Navia de Suarna, cando se embarcou no seu Traballo de Fin de Mestrado. O proxecto, que serve como broche de ouro á formación en Comunicación e Desenvolvemento Multimedia, cursado na Universidade de Burgos, chegou case por obra do azar aos bosquexos do rapaz, pero despois de case cinco meses de traballo e investigación, sae por fin da gabeta.

O estudo consiste nunha recompilación de xogos populares e mostras da cultura lúdica de Os Ancares, acompañados de vídeos explicativos nos que os propios veciños da comarca falan sobre a súa tradición recreativa e ensinan o funcionamento dos distintos pasatempos.

-Como xorde esta idea?

-O tema que tiña en mente complicóuseme un pouco co confinamento. Volvinme de Burgos para Navia e as limitacións que tiña aquí polo cese da mobilidade eran maiores. Quería facer algo propio da zona, pero tamén orixinal. Falando con miña nai sobre a riqueza lúdica dos Ancares deime conta de que no colexio fixeramos algo relacionado con iso, e pensei en tratalo e proxectalo.

-Poñelo a andar non debeu ser doado, como recompilou os xogos?

-Tirei moito de contactos, redes sociais, conversas con veciños… Fixen unha publicación en Facebook e tivo moi boa resposta. As asociacións culturais dos concellos da comarca, o CPI de Navia, o blog de Leiras e Marcos e a xente do pobo axudáronme moito. Sen as súas aportacións o traballo non tería sentido.-Cantos conseguiu xuntar?-Sesenta e nove. Ía metendo todo nun documento para logo pasalo á páxina web. Aí están distribuídos por categorías: xogos individuais, en equipo, de un contra todos, para practicar na natureza… E hai tamén unha sección cos recursos multimedia e coas entrevistas que fun facendo á xente.

-Houbo algún que lle chamase especialmente a atención?

-Hai de todo. «Tres navíos polo mar», no que un grupo de tres rapaces se agocha e, unha vez escondido, bota un berro. Os outros tres xogadores teñen que saír a buscalos, e vanse comunicando por gritos. Era típico de Navia, e un lugar moi socorrido para practicalo era o castelo. Tamén hai outros como «Churra monta na burra», «Toma rosca e molla» ou «A cocha», moi divertidos.

-Cales son as aspiracións deste proxecto?

-Está pensado para levar a xornadas e campionatos en escolas, un pouco a nivel educativo. Gustaríame facer charlas e sesións recreativas en centros da zona de Os Ancares ou de A Fonsagrada, para achegar esta colección aos máis pequenos.

-E a súa valoración agora que está rematado?

-Estou moi contento, sobre todo porque me felicitou moita xente maior, ilusionada con que aínda queden mozos interesados na tradición galega. As novas xeracións temos que valorar a cultura do rural, darlle luz e loitar porque non se perda. Hai quen pensa que é incompatible coa era dixital, pero non é certo. Todo se pode adaptar ás novas tecnoloxías de xeito interactivo.


This site is registered on wpml.org as a development site.