A Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses, xestionada pola Deputación, incorpora 3 novos membros no Órgano de Participación



A Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses, que xestiona a Deputación, incorpora tres novos membros no seu Órgano de Participación: a Asociación Cultural Deiquí, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Travesa do Comeal e a Asociación de Mulleres Rurais Argalleiras. Así o acordou o Órgano Reitor do territorio na reunión celebrada esta mañá no edificio multiusos de San Román de Cervantes.

A Asociación Cultural Deiquí é unha entidade que traballa co obxectivo de recuperar a cultura tradicional da comarca dos Ancares; a comunidade de montes Travesa do Comeal busca o aproveitamento sostible dos recursos; e a asociación de mulleres rurais Argalleiras dedícase a impulsar ás mulleres que viven e traballan no rural mediante iniciativas de formación, apoio e acompañamento. Con estas xa son 36 entidades as que conforman o consello consultivo desta reserva ademais dos 3 concellos que a conforman –Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá- e os tres grupos políticos con representación na institución provincial.

Ademais, na reunión aprobouse tamén a proposta de programación de actividades para todos os públicos para a anualidade 2026 e, como en anos anteriores, inclúe dúas iniciativas por trimestre e por Concello. Entre as accións destacan talleres de todo tipo –olería, apicultura, elaboración de xabón ou enxerto-, xornadas de micoloxía, cantigas ou baile tradicional; campamentos infantís sobre ciencia e diversidade ou charlas sobre pallozas.

Finalmente, nas reunións dos órganos reitor e participativo tamén se presentou a memoria das actividades realizadas este ano, 2025, os traballos da posta en marcha do Destino Turístico Starlight Ancares Lucenses, e as actuacións estratéxicas da Reserva que vertebrarán o 2026.


This site is registered on wpml.org as a development site.