Fuente: Deputación de Lugo
– A Deputada de Medio Ambiente presentou a nova programación que inclúe actividades para unhas 100 persoas en Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna
– Hai cursos de iniciación á micoloxía e á poda en árbores froiteiras, xornadas agroecolóxicas, conferencias científicas e roteiros polos Concellos
– O prazo está aberto en ancareslucenses@deputacionlugo.org. Máis información no 982227812
A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, presentou este martes a programación de actividades gratuítas e para persoas de todas as idades, que ofrece o organismo provincial para os meses de outubro e decembro nos Concellos de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna, con motivo do 10º aniversario da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses. O prazo de inscrición xa está aberto no correo ancareslucenses@deputacionlugo.org. Máis información no 982227812.
López Izquierdo destacou que “a través destas actividades, fomentamos o estudo da riqueza natural e patrimonial da nosa provincia, ao tempo que impulsamos as prácticas responsables co medio ambiente”. A Deputada afirmou que esta iniciativa ofrécelle aos cidadáns “unha alternativa lúdica e formativa totalmente gratuíta”, avanzando que o organismo provincial seguirá incentivando proxectos como este, que, “ademais de servirlle ós veciños como alternativa de ocio, pon de manifesto a riqueza medioambiental da nosa provincia”.
O 27 de outubro cúmprense 10 anos do recoñecemento deste espazo natural pola UNESCO, dentro do Programa MaB (Persoa e Biosfera). Por este motivo, durante ese día, haberá unha visita no municipio de Cervantes, por parte de membros do Comité Científico Español e do Comité Español do Programa MaB, para visitar a Reserva.
Ademais, durante estes días, o Comité Español do Programa MaB acordou o envío do informe positivo e favorable emitido polo Comité Científico á Oficina do Secretariado MaB da UNESCO en París, sobre a revisión decenal da Reserva da Biosfera. Polo tanto, Os Ancares Lucenses seguirán sendo Reserva da Biosfera pola UNESCO durante outros 10 anos.
Programación
Becerreá
– O sábado 22 de outubro de 9:00 a 20:00 horas haberá un Roteiro polo Concello de Becerreá, dirixido a todos os públicos, que conta cun máximo de 30 prazas. O autobús para realizar a andaina sairá de diante da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo ás 9:00 horas da mañá. É preciso levar comida para a camiñata e un calzado axeitado para esta aventura.
– O martes 13 de decembro de 16:00 a 20:00 horas no Centro de Servizos Sociais do municipio (Praza Feira Vella) haberá un Curso de iniciación á poda en árbores froiteiras, dirixido ós adultos, que conta cun máximo de 20 prazas.
Cervantes
– O xoves 3 de novembro de 16:00 a 18:00 horas na Escola de Doiras terá lugar unha Xornada sobre posibilidades da castañicultura de alta montaña no mercado de agricultura ecolóxica, dirixida aos adultos, que conta cun máximo de 20 prazas.
– O xoves 24 de novembro de 18:00 a 20:00 horas na Palloza do Conxunto Etnográfico San Román de Cervantes haberá a Conferencia “As plantas: usos medicinais e fitosanitarios” dirixida ós adultos, que conta cun máximo de 20 prazas.
Navia de Suarna
– O sábado 15 de outubro de 10:00 a 14:00 horas na Escola de Barcia terá lugar o Curso de Iniciación á Micoloxía dirixido a todos os públicos, que conta cun máximo de 30 prazas.