Fuente: Deputación de Lugo
– Fíxoo con incorporacións ao Órgano Participativo, que acordou novas programacións a desenvolver: sinalización do patrimonio cultural e da Vía Romana XIX, recuperación de rutas de sendeirismo, desbroces ou asesoramento para emprendedores, entre outras
– O aniversario celebrouse en Cervantes coa participación do Presidente, o Secretario do MaB, a Deputada de Medio Rural, Alcaldes e membros de 11 colectivos
– Os alumnos do CPI de Cervantes expuxeron o seu proxecto de seguimento fenolóxico de especies vexetais. A xornada tivo lugar no Centro de Interpretación que se habilitou nas Pallozas, onde sopraron as velas da torta conmemorativa do 10º aniversario
O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, participou este xoves nos actos organizados polo organismo provincial con motivo do 10º aniversario, este 27 de outubro, da declaración de Reserva da Biosfera por parte da UNESCO dos Ancares Lucenses. Fíxoo en Cervantes, acompañado polo Alcalde, Benigno Gómez Tadín, o Secretario do MaB, Francisco J. Cantos, o Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández, o Tenente de Alcalde de Becerreá, Claudio Vázquez, e de ducias de representantes de 11 colectivos que, a partires de hoxe, en total integran o órgano de xestión participativo deste espazo natural e que este mesmo xoves xa acordaron as novas programacións de impulso da zona a levar a cabo.
A xornada comezou no Piornedo, onde Campos Conde, López Izquierdo e Gómez Tadín mantiveron un encontro con veciños deste núcleo logo das obras de rehabilitación das Pallozas, responsabilidade legal da Xunta ao seren BIC, pero coas que colaborou a Deputación; así como das de dotación de alumeado e saneamento público, sistemas que non existía e que por este motivo propuxo levar o organismo provincial. O conxunto destas actuacións contaron con 260.000 euros, financiado nun 65,5% pola Deputación de Lugo e nun 34,5% pola Xunta de Galicia.
A continuación visitaron aos alumnos do CPI de Cervantes, que expuxeron o proxecto de seguimento fenolóxico que están a levar cabo. Consiste no estudo e cambio das especies vexetais da Reserva dos Ancares con motivo das variacións climatolóxicas. Na visita tamén participou o Secretario do Comité MaB e responsable de Relacións Internacionais das Reservas da Biosfera do Organismo Autónomo de Parques Nacionais, Francisco J. Cantos.
Novas incorporacións
Con motivo da celebración do 10º aniversario dos Ancares Lucenses como Reserva da Biosfera, o Goberno da Deputación celebrou unha reunión do órgano de xestión deste espazo natural, que o Executivo Provincial quixo facer participativo. Ata o de agora, xunto co organismo provincial e os Concellos de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá, eran 5 os colectivos integrados neste órgano participativo. Tras a reunión de hoxe, e logo do traballo levado a cabo pola institución luguesa, súmanse ao mesmo outras 6 asociacións. Isto supón que o Órgano de Participación dos Ancares Lucenses este formado polas seguintes institucións e colectivos:
Deputación de Lugo e Concellos de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá; ADEGA; Grupo de Desenvolvemento Rural Montes (GDR); Sindicato Labrego Galego; Asociación Galega de Custodia do Territorio; Sociedade Micolóxica Lucus. Intégranse agora a Asociación de Mulleres Rurais “Ledicia” de Navia de Suarna; Asociación de Mulleres “ALECRIN” de Cervantes; ANPA do CPI de Cervantes; ANPA San Xoán de Becerreá; ANPA do CPI de Navia de Suarna; e Colectivo Patrimonio dos Ancares.
Campos Conde agradeceu a implicación destes colectivos e subliñou que “estou convencido de que xuntos seremos capaces de ir máis alá e organizar novas e máis actividades de conservación, dinamización, promoción e impulso dos Ancares Lucenses. Xuntos saberemos aproveitar as oportunidades económicas da Montaña Lucense para tentar xerar riqueza e combater o despoboamento demográfico”.
Novas programacións
O Órgano Participativo acordou hoxe as novas programación a levar a cabo nos Ancares Lucenses. Estas son as seguintes: novas actividades gratuítas para persoas de todas as idades coas que dar a coñecer a riqueza natural da zona e as posibilidades económicas da mesma (obradoiros, roteiros, xornadas sobre árbores froiteiras, apicultura, micoloxía…, cursos para nenos, encontros de artesanía, etc); edición de máis material divulgativo sobre Os Ancares; execución dun proxecto de sinalización do patrimonio cultural da Reserva, así como da Vía Romana XIX; traballos de desbroce; recuperación de novas rutas de sendeirismo; proxectos para os alumnos dos colexios da Montaña; así como máis asesoramento gratuíto para a creación ou reconversión de empresas na zona, entre outros.
Actuacións no último ano
Estas novas programacións súmanse ás levados a cabo na pasada anualidade. Por exemplo, actividades gratuítas para máis de 200 persoas, os traballos de mellora das Pallozas e de dotación de alumeado e saneamento do Piornedo, os cursos de asesoramento gratuíto para a xeración de novas empresas, dos que resultados novos establecementos como a Pensión Os Ancares, entres outros; así como a construción de 3 centros de interpretación en Navia de Suarna, Becerreá e Cervantes.
De feito, a reunión do Órgano Participativo tivo lugar no centro de interpretación de Cervantes, que se sitúa nunha das Pallozas do Piornedo, onte todos os participantes sopraron as velas da torta conmemorativa polo 10º aniversario, elaborado con produtos tradicionais dos Ancares.