Fuente: Deputación de Lugo
– López Izquierdo presentou o proxecto Receitas da Biosfera, unhapioneira iniciativa da Deputación para promocionar e difundir o consumo dos produtos autóctonos
– Inclúe dous concursos de receitas de tapas e menús con produtos de Terras do Miño ou dos Ancares Lucenses. Están dirixidos a non profesionais, residentes dun dos 29 Concellos que integran ditos espazos naturais
– Hai premios de entre 50 e ata 500 euros. Os dous mellores pratos formarán parte dunha publicación nacional, que recolle pratos con produtos de Reservas de España
– Poden presentarse as receitas dende hoxe e ata o 18 de novembro no Rexistro da Deputación ou nas oficinas que fixa a lei. Máis información en www.deputacionlugo.gal
A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, presentou este luns no Mercado Municipal de Lugo o proxecto Receitas da Biosfera, unhapioneira iniciativa que pon en marcha o organismo provincial co obxectivo de promocionar e difundir o consumo dos produtos autóctonos. Inclúe a celebración de dous concursos de receitas de tapas e menús, elaboradas con produtos de Terras do Miño ou dos Ancares Lucenses. Están dirixidos a non profesionais, que sexan residentes dun dos 29 Concellos que integran ditos espazos naturais. Hai premios de entre 50 e ata 500 euros. Os dous mellores pratos formarán parte dunha publicación nacional. Os interesados poden presentar as súas receitas dende hoxe e ata o 18 de novembro.
Os concursos, un de Terras do Miño e outro dos Ancares Lucenses, contan con dúas categorías: tapa e menú. Neste último caso, deberanse achegarse 3 receitas: unha para o primeiro prato, outra para o segundo prato e a última para a sobremesa. Os interesados poderán presentarse a ambas as dúas categorías.
Na puntuación, valorarase positivamente que as receitas estean vencelladas co patrimonio cultural e natural dos Concellos da Reservas. Por exemplo, a festas populares, labores do campo, eventos culturais…
Premios
Os premios na categoría de “menú” serán de 500 euros para o primeiro; de 300 euros para o segundo; e de 150 euros para o terceira. Na de “tapa” de 200 euros para o primeiro, de 100 euros para o segundo e de 50 euros para o terceiro. As dúas mellores receitas formarán parte do libro “Receitas da Biosfera”, que publica o Organismo Autónomo Parques Nacionais, destacando pratos con produtos de todos estes espazos naturais recoñecidos pola UNESCO que existen en España. Ademais, o conxunto de galardoados recibirán un diploma para acreditar a súa receita.
Prazo e solicitudes
O prazo para presentar as receitas abre hoxe e remata o 18 de novembro. As receitas deberán entregarse no Rexistro Provincial ou en calquera dos rexistros e oficinas ás que fai referencia o artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común. No caso de presentar a candidatura nun rexistro diferente ao da Deputación, deberá remitir un correo, indicando este feito, aos seguintes e-mails, segundo ao concurso que se presente: ancareslucenses@deputacionlugo.org ou terrasdomino@deputacionlugo.org.
Participantes dos Ancares Lucenses e Terras do Miño
Poden participar todas as persoas, que non sexan profesionais do sector e que sexan residentes dalgún dos Concellos das Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Terras do Miño: Cervantes, Navia de Suarna, Becerreá, Abadín, Alfoz, Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Mondoñedo, Muras, Ourol, Outeiro de Rei, O Páramo, A Pastoriza, Pol, Rábade, Riotorto, O Valadouro, Vilalba e Xermade.
Obxectivos
A Deputada de Medio Ambiente remarcou que os obxectivos destes concursos son a recompilación de receitas tradicionais deste territorio como parte do patrimonio cultural; a promoción da gastronomía local das Reservas da Biosfera; a visualización da gastronomía local vencellada á Reserva; a promoción dos produtos locais da Reserva a través da elaboración das receitas; e o fomento da relación entre a gastronomía, o turismo, a hostalería e o desenvolvemento dos pequenos produtores locais.