Fuente: Diputación Provincial de Lugo
– O simposio pretende servir como escenario para promocionar as diferentes iniciativas e proxectos municipais agroecolóxicos en diferentes rexións de España e Portugal
– Sonsoles López Izquierdo salientou que “a agroecoloxía é clave para o desenvolvemento e a diversificación económica do rural, pois aposta pola xestión responsable en materia medioambiental e fomenta o autoemprego»
– A iniciativa, que terá lugar os días 12 e 13 de decembro no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Lugo, ofrece 3 mesas de traballo e 5 obradoiros e para participar é preciso cubrir o formulario da páxina www.agroecología.net
A Deputada de Medioambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, acompañada do Vicepresidente da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica e Profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Xan Neira, presentou este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos o I Simposio Ibérico de Agroecoloxía, Municipalismo e Desenvolvemento Rural, iniciativa dirixida a fomentar entre os agricultoresa transición da agricultura tradicional cara novas prácticas que sexan responsables co medio natural.
Izquierdo afirmou que “a agroecoloxía é clave para o desenvolvemento e a diversificación económica do rural, pois aposta pola xestión responsable en materia medioambiental e fomenta o autoemprego”. A Deputada tamén destacou que “este tipo de iniciativas e pioneiras son imprescindibles para fomentar a creación de traballo na provincia e para concienciar e animar aos lucenses a emprender novos proxectos que melloren o desenvolvemento demográfico na provincia”.
O I Simposio Ibérico de Agroecoloxía, Municipalismo e Desenvolvemento rural, é unha iniciativa de transición xurdida debido ao crecente número de municipios e grupos de desenvolvemento rural que están deseñando proxectos relacionados coa agroecoloxía. O obxectivo principal é reunir nun mesmo lugar a todos os proxectos de vangarda xurdidos ao redor da agroecoloxía e sentar as bases para os novos programas de desenvolvemento que terán lugar en 2015.
Logo da celebración do simposio elaborarase un documento de recomendacións que será remitido ás federacións municipais e provinciais, partidos políticos e redes de desenvolvemento rural de España e Portugal para que se teña en conta á hora de planificar programas electorais, lexislaturas ou programas de desenvolvemento rural que se establecerán no ano 2015.
Desenvolvemento das xornadas
O simposio terá lugar no Salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo os días 12 e 13 de decembro, en horario de 9:00 horas a 20:00 horas. As xornadas organizarase en tres mesas de traballo: a 1ª que tratará sobre a Formación e acompañamento a emprendedores agroecolóxicos; a 2ª sobre Comercialización, mercadillos, grupos de consumo e marcas territoriais ou iniciativas de protección de alimentos tradicionais e por último a 3ª sobre compostaxe, competencia municipal e reto agroecolóxico.
Durante estas xornadas haberá tamén obradoiros de prospectiva, nos que os participantes disporán de 5 temas a elixir como por exemplo a formación e acompañamento de emprendedores, o financiamento de emprendedores agroecolóxicos, o deseño de plans e programas agroecolóxicos para municipios e compostaxe e xestión de biorresiduos entre outros.
Os interesados en participar no I Simposio Ibérico de Agroecoloxía, Municipalismo e Desenvolvemento Rural, poden atopar toda a información na páxina www.agroecologia.net/inscripciones-simposio-iberico14. A cota de inscrición é de 25 euros e formalizarase por rigorosa orde de solicitude. Existe tamén un número limitado de becas para cubrir parte dos gastos de asistencia dos autores que así o soliciten e cumpran os requisitos mínimos para beneficiarse delas.