Fuente: Deputación de Lugo
O Deputado de Turismo, xunto ao Vicepresidente, presentou esta iniciativa do Plan Estratéxico de Turismo aos 17 Concellos implicados, expertos da USC, representantes de colectivos veciñais e empresas da zona. Todos participarán no mesmo
Desenvolverase nun espazo de 102.635 hectáreas, no que ata finais de ano se definirán todos os recursos turístico-científicos e logo se concretarán as actividades específicas que ofrecer a cidadáns en xeral e profesionais de distintos sectores
O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, xunto ao Vicepresidente, Argelio Fernández Queipo, presentou este luns o primeiro proxecto de turismo científico dos Ancares-Courel, que pon en marcha o Goberno Provincial, pois e unha das iniciativas definidas no Plan Estratéxico de Turismo da Provincia de Lugo (2017-2020). Fíxoo nun acto en Cervantes ao que asistiron representantes de 17 Concellos, USC, colectivos veciñais e entidades que participarán no desenvolvemento desta iniciativa pública.
Este proxecto trata de poñer en valor os recursos científicos para desenvolver económica e socialmente a provincia a través do turismo. Desenvolverase nunha espazo de 102.635 hectáreas, converténdose no plan turístico-científico coa maior zona de estudo de Galicia. Abrangue os municipios de Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, As Nogais, Triacastela, Pedrafita do Cebreiro, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Baleira, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz.
Consta de dúas fases, unha de certificación, que comeza de xeito inmediato; e outra de desenvolvemento de actividades específicas no territorio.
Fase de certificación: supón un amplo estudo sobre as potencialidades turístico- científicas. Contará coa participación directa de expertos da Universidade de Santiago de Compostela, así como dos Concellos implicados, colectivos sociais do territorio e entidades. Arranca agora en outubro e previsiblemente se prolongará ata decembro.
Fase de desenvolvemento de actividades específicas: as actuacións concretas a desenvolver definiranse tamén coa participación de todos os axentes implicados na fase de certificación. Incluiranse roteiros, conferencias ou xornadas de bioloxía, micoloxía, xeoloxía ou botánica, entre outros. Estarán dirixidas á cidadanía en xeral ou a profesionais do sector.