A Deputación reedita a liña de axudas por 110.000€ para asociacións que traballan polas reservas da biosfera



A Xunta de Goberno aprobou por cuarto ano consecutivo a convocatoria de subvencións para entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan proxectos que poñan en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, territorios recoñecidos pola UNESCO que xestiona a institución provincial

Aprobada outra liña de axudas dotada con preto de 40.000€ para impulsar o cultivo de trigo de variedades autóctonas callobre e caaveiro, e a plantación de Physalis nos concellos da provincia de menos de 5.000 habitantes

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres dúas medidas “importantes para seguir loitando contra o reto demográfico, aproveitando para elo os recursos propios que temos na nosa provincia”, tal e como explicou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto.

Por unha banda, a Deputación de Lugo activa por cuarto ano consecutivo unha liña de axudas por un importe total de 110.000€ destinada a entidades asociativas sen ánimo de lucro que estean asentadas ou que teñan o seu ámbito de actuación no territorio das reservas da biosfera Terras do Miño e os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, para desenvolver actuacións e proxectos vinculados ao medio ambiente e ao rural que poñan en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios recoñecidos pola UNESCO que xestiona a institución provincial.

“Trátase dunha liña de subvencións de concorrencia competitiva, que puxemos en marcha no pasado mandato, e que está tendo resultados moi positivos”, sinalou García Porto, lembrando que, desde o ano 2021, un cento de asociacións das Reservas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses recibiron xa máis de 300.000€, grazas aos que sacaron adiante proxectos “moi interesantes”, como recuperar a Romaría no Cereixido, organizar unha xornada de degustación da tenreira, manter unha ruta de sendeirismo, realizar un estudo sobre os ecosistemas acuáticos en convivencia coa gandería extensiva, aumentar o cultivo de centeo para a elaboración de pan ou producir máis palla para o teitado das pallozas do Piornedo.

Como o ano pasado, esta convocatoria de axudas inclúe dúas liñas de actuación. Unha dotada con 60.000€ para actividades na Reserva da Biosfera Terras do Miño; e outra, por un importe de 50.000€, para actividades na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses. Novamente, os beneficiarios poderán obter entre 1.000€ e 7.000€ por cada proxecto e como novidade, a Deputación ampliará o prazo para presentar solicitudes, que será de 15 días hábiles a contar a partir do día seguinte da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Un plan para contribuír á diversificación de cultivos

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou este venres a convocatoria de axudas por un importe conxunto de case 40.000€ para incentivar e impulsar o cultivo de trigo de variedades autóctonas callobre e caaveiro, e a plantación de Physalis nos concellos da provincia con menos de 5.000 habitantes. Trátase dunha medida incluída no programa E para vivir Lugo, que ten en marcha a Deputación grazas aos fondos que conseguiu da Unión Europea para contribuír a fixar poboación no rural.

Poderanse solicitar 500 euros por hectárea para o cultivo de trigo autóctono, ata un máximo de 5 hectáreas; e 26,3 euros por beneficiario para o cultivo de Physalis, independentemente do número de hectáreas. Terán preferencia os solicitantes da Fonsagrada, O Valadouro e Xermade, os tres concellos onde a Deputación está a desenvolver este plan piloto; e o prazo de solicitude será de un mes desde a publicación da convocatoria no BOP.


This site is registered on wpml.org as a development site.