
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo presidiu este xoves os órganos reitor e participativo e sinalou que este incremento, dun 140%, “responde ao compromiso da institución con estes territorios, co rural e co medio ambiente”
Nas sesións celebradas en San Román de Cervantes aprobouse a proposta das actuacións estratéxicas para o 2025, que se enmarcan no Plan de Xestión 2024-2034 centrado na conservación, o desenvolvemento sostible e o apoio loxístico
Luz verde taméná inclusión da Asociación Territorio Verde, ACuDeDumia Cervantes, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cervantes e a Asociación de Veciños de O Fabal no Órgano de Participación, que medra ata os 30 colectivos
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presidiu este mércores no Edificio de Usos Múltiples de San Román de Cervantes os órganos reitor e participativo da Reserva da Biosfera Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, no que tamén participaron o Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, e o Deputado de Promoción Económica e Social, PabloRivera Capón. Un encontro no que García Porto anunciou que a Deputación reforzará este 2025 o tecido asociativo que traballa no territorio con 120.000€.
Sinalou que se trata dun incremento do 140% respecto do ano anterior e que, tal e como anunciara o Presidente en Cervantes hai apenas un par de meses, “responde ao compromiso da institución con estes territorios, co rural e co medio ambiente”. Nese sentido, destacou que “grazas ao seu esforzo, estes colectivos contribúen a que a Reserva da Biosfera dos Ancares se consoliden como un espazo de referencia en termos de protección ambiental e como modelo de desenvolvemento equilibrado e inclusivo”.
Especificou que este ano haberá dúas liñas de axuda: unha destinada ao financiamento de actividades, que se incrementará dos 50.000€ aos 70.000€; e outra nova para financiar investimentos, que estará dotada con outros 50.000€.
Os órganos reitor e participativos aprobaron ademais a proposta das actuacións estratéxicas para este ano, que se enmarcan no Plan de Xestión aprobado o ano pasado para o período 2024-2034 e que está centrado na conservación, o desenvolvemento sostible e o apoio loxístico da Reserva. Tamén saíu adiante a programación de actividades para esta anualidade, que inclúen un total de 60 accións entre as que se inclúen asde educación e divulgación ambiental, programas de reforestación, actuacións de posta en marcha do destino Stalight, a colaboración co proxecto do Corredor de Ecoturismo da España Verde, ou actividades medioambientais na rede de Centros de Atención a Maiores da Deputación de Lugo.
Corredor de Ecoturismo da España Verde
García Porto avanzou que no que ten que ver co proxecto do Corredor de Ecoturismo da España Verde, “o obxectivo é a creación e promoción turística de experiencias que teñen que ver co medio ambiente e a natureza organizadas por unha rede de pequenas empresas turísticas locais”. E nese sentido, a Deputada sinalou que para esta iniciativa se seleccionaron dúas experiencias: A ruta do Castrexo e A fauna de Ancares, un taller cultural e unha ruta guiada.
Este proxecto, impulsado polos territorios de Asturias, Cantabria, Euskadi e Galicia que o integran, conta cunha financiación de case 1M€ do programa Experiencias Turismo España, do Ministerio, incluído nos Fondos NextGeneration da Unión Europea.
Catro novas asociacións
Durante a reunión a Deputada anunciou a incorporación de catro novos membros no órgano participativo da Reserva logo de que as solicitudes de ingreso foran aprobadas polo órgano reitor. Desta maneira, incorpóranse a Asociación Territorio Verde, ACuDeDumia Cervantes, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Cervantes e a Asociación de Veciños de O Fabal. No caso da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, o órgano participativo conta xa con 33 entidades entre as que se inclúen estas novas incorporacións que se fixeron efectivas este mércores.