Fuente: Deputación de Lugo
– Campos Conde presidiu este martes a reunión dos órganos de xestión da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, celebrada en San Román de Cervantes
– O proxecto de sinalización dos Ancares, financiado pola Deputación, permitirá a posta en valor dos bens culturais que se atopan en Becerreá, Navia e Cervantes, entre os que figuran dolmens, castros, petróglifos e edificacións históricas
– Durante o encontro, fíxose oficial a incorporación de 5 novos colectivos ao órgano de participación, que conta agora con 19 entidades
O titular provincial, Darío Campos Conde, presidiu esta mañá en Cervantes, xunto á Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, a reunión dos órganos de xestión da Reserva da Biosfera dos Ancares. Durante o encontro, decidiuse que o primeiro proxecto que poñerá en marcha a Deputación o vindeiro ano será a sinalización do patrimonio histórico e cultural incluído na reserva. Trátase dunha iniciativa acordada na anterior reunión deste órgano o pasado mes de outubro, a proposta do colectivo Patrimonio dos Ancares, e que estará financiada na súa totalidade polo organismo provincial.
O proxecto de sinalización permitirá a posta en valor dos recursos patrimoniais dos municipios dos Ancares, aumentando a súa visibilidade e difusión. Así, no Concello de Becerreá sinalizaranse o dolmen de Vilouta, o castro de Cantiz, as igrexas de Penamaior e San Pedro de Cadoalla e as pontes de Gatín e de Cruzul. No que fai ao Concello de Cervantes, instalaranse indicadores na necrópole megalítica da Pena dos Mouros, nos petróglifos de Campa do Barreiro, no castro de Santa María, no Castelo de Doiras, no Pazo de Quindous e na igrexa de Donís. Finalmente, no Concello de Navia sinalizaranse a mámoa de Ferreirúas, a ponte e o castelo da Pobra de Navia e os castros de Cantón, Cabanela e Pin.
A sinalización efectuarase seguindo o manual de sinaléctica da Rede Española de Reservas da Biosfera e completarase coa realización de material divulgativo.
Doutra banda, durante o encontro tamén se fixo oficial a incorporación de cinco novos colectivos ao órgano de participación: a Asociación de Mulleres Rurais Ledicia de Navia, a ANPA CPI de Cervantes, a Asociación de Mulleres Alecrín de Cervantes, a ANPA CEIP San Xoán de Becerreá e a asociación Patrimonio dos Ancares. Estes cinco colectivos súmanse aos catorce membros que xa integraban, xunto coa Deputación, o órgano de participación.
O Presidente, Darío Campos, subliñou a importancia do modelo de xestión participativa da Reserva da Biosfera dos Ancares, “que lle permite á poboación local ter voz e voto na xestión do seu territorio” e valorou a incorporación dos novos colectivos sociais, “xa que son os gran coñecedores das necesidades do seu medio”.
Máis actividades no 2017
Ademais do proxecto de sinalización, durante a reunión da Reserva da Biosfera tamén se presentou a programación de actividades para o primeiro trimestre de 2017. Trátase de accións de carácter gratuíto, dirixidas a todas as idades, coas que dar a coñecer a riqueza natural e as posibilidades económicas da zona (obradoiros, roteiros, xornadas sobre árbores froiteiras, apicultura, micoloxía e cursos para nenos, entre outros). Asemade, realizaranse actividades para os alumnos dos colexios da montaña, traballos de desbroza, recuperación de novas rutas de sendeirismo e ofrecerase asesoramento gratuíto para a creación ou reconversión de empresas na zona.
Órgano de participación da Reserva da Biosfera
O órgano de participación da Reserva da Biosfera dos Ancares está constituído polos seguintes membros:
Deputación Provincial de Lugo
Concello de Becerreá
Concello de Cervantes
Concello de Navia de Suarna
Asociación Rurancares
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)
Asociación Galega de Custodia do Territorio
ANPA CPI Cervantes (novo)
ANPA CEIP San Xoán de Becerreá (novo)
Asociación de Mulleres Rurais Ledicia de Navia (novo)
Asociación de Mulleres Alecrín de Cervantes (novo)
Colectivo Patrimonio dos Ancares (novo)
Sindicato Labrego Galego
Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)
Sociedade Micolóxica Lucus
GDR Montes e Vales Orientais
Grupo provincial Bloque Nacionalista Galego
Grupo provincial Partido Popular
Grupo provincial Partido Socialista
Reservas da Biosfera
As Reservas da Biosfera son áreas de ecosistemas terrestres, costeiros ou mariños nas que se promove a investigación, a educación ambiental e a sensibilización cidadá. As Reservas, promovidas pola Unesco, conxugan a conservación dos recursos naturais co desenvolvemento económico e social das comunidades locais. En Galicia existen seis reservas, das que dúas se atopan na provincia lucense, Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá