Fuente: Deputación de Lugo
Fernández Queipo informou, este xoves de novas actividades medio ambientais que terán lugar o sábado e domingo en Becerreá e Cervantes. As xornadas tratarán sobre apicultura e patrimonio cultural
Fernández Queipo subliñou que “dende o Goberno da Deputación continuamos apostamos polas actividades a favor dunha concienciación medioambiental, pois é un dos grandes retos da sociedade actual”
As xornadas serán de portas abertas ata completar aforo
O Vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo, informou, este xoves de tres novas actividades medio ambientais que se realizarán na provincia os vindeiros días 4 e 5 de maio. Son xornadas sobre apicultura, educación ambiental e patrimonio que se levarán a cabo en Becerreá, Castroverde e Cervantes. Serán de portas abertas ata completar aforo, agás o taller de Castroverde.
Fernández Queipo subliñou que “dende o Goberno da Deputación continuamos apostando polas actividades a favor dunha concienciación medioambiental, pois é un dos grandes retos da sociedade actual. Son os propios veciños os que se interesan polas temáticas destes obradoiros e dende o Goberno Provincial axudamos a poñer en marcha estas iniciativas”.
Xornadas de apicultura
Este sábado ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Becerreá xunto coa ANPA do CEIP de Becerreá, un centro con un recoñecido traballo medio ambiental, realizarase un taller sobre o control da avespa asiática (avespa vellutina); unha problemática que preocupa dun xeito moi importante ao sector primario e en concreto ao sector apícola da provincia. A conferencia Xornadas de apicultura. Protocolo de actuación para o control da Vespa Asiática no apiario, será impartida polo especialista Luis Manuel Corral Andrade. Esta acción deriva das necesidades e demandas que se manifestaron nos órganos de participación da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses.
Xornada de patrimonio
Os días 4 e 5 realizarase a I Xornadas de Arqueoloxía e Historia de Ancares. Vía Romana XIX e Época Romana de Ancares. Esta actividade, pon en valor a importancia da Vía XIX que atravesaba a Serra dos Ancares cara Astorga, unha fonte de riqueza patrimonial e turística. Este mesmo día, na Casa da Cultura de San Román de Cervantes terá lugar a primeira parte da xornada mentres que o día 5 desenvolverase un percorrido dende Balboa a Vega de Valcarce (O Bierzo).
Outras actividades
No Centro de Interpretación Terras do Miño, este sábado, realizarase de 10:00 a 14:00 horas o obradoiro Plantas que curan plantas, unha actividade que achegará aos asistentes formación sobre os métodos fitosanitarios e de control de pragas de carácter ecolóxico.