A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este domingo na inauguración da mostra de distribución hostaleira L de Lugo. Esta iniciativa, que se consolidou en tan só catro anos e que conta deste o primeiro co apoio da Deputación, recibiu para esta edición unha achega provincial de 15.000€. Ademais, a Deputación de Lugo mostrou nun stand a riqueza turística e medioambiental da provincia de Lugo, en especial das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, xestionadas pola entidade provincial.
“Estamos nun espazo que conecta profesionais e público en xeral, xuntando aos mellores cociñeiros, produtos destacados con denominacións de orixe e identidades xeográficas protexidas, así como as principais marcas do sector en Galicia”, valorou García Porto. Engadiu que a Deputación colabora con esta cita porque a da distribución “é unha actividade fundamental para dinamizar a economía, xerar emprego e poñer en valor un turismo de calidade e de experiencias”.
Na cita participaron xunto a Deputada, a Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos; e a Conselleira de Medio Rural, María José Gómez, entre outras autoridades.