Fuente: Deputación de Lugo
– O enclave vén de recibir a certificación Espazo Observer Turismo Científico que avala o potencial do territorio como reserva científica. Trátase dun proxecto iniciado polo organismo provincial en agosto de 2018, cunha achega de 70.000 euros
– Vidal Baamonde subliñou que “é un espazo único no que xa se viñan desenvolvendo actividades científicas, non só de carácter turístico, senón tamén de investigación”
– O distintivo permitirá desenvolver unha estratexia na que se contemplan preto de 10 accións a desenvolver ata agosto de 2019, para impulsar o uso de recursos naturais e culturais para facer divulgación científica
O Executivo Provincial recibiu este venres, da man do Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, o documento de auditoría e máis o distintivo que acredita ás montañas dos Ancares e O Courel como Espazo Observer Turismo Científico, e que outorga a este territorio a categoría de reserva científica. No acto participaron a responsable deste sistema de certificación, Maite Vence Fernández, e o técnico encargado da avaliación e redacción do informe, Xabier Vázquez Pumariño.
O proxecto, emprendido por iniciativa da Deputación en agosto de 2018 cunha achega de 70.000 euros, remata así a súa primeira fase, dando paso, de agora en diante, á realización de accións concretas sobre o terreo, destinadas a promocionar turisticamente o territorio como reserva científica, para crear un turismo de calidade. Este proxecto abrangue aos 16 Concellos integrados no territorio: Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, As Nogais, Triacastela, Pedrafita do Cebreiro, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Baleira, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz. En total, o territorio cobre 102.635 hectáreas entre Os Ancares e O Courel na que será a maior zona de estudo científico de Galicia.
Vidal Baamonde subliñou que “é unha satisfacción conseguir que o territorio Ancares-Courel logre este distintivo e que se valoren positivamente as súas características excepcionais e a súa riqueza natural. Este é un espazo único no que xa se veñen desenvolvendo actividades científicas, non só de carácter turístico senón tamén de investigación. O Turismo Científico confórmase como un modelo que permite crear conexións sostibles entre o turismo, a conservación da biodiversidade e a ciencia en espazos protexidos como son as montañas de Ancares e O Courel. Ao mesmo tempo, este tipo de turismo vencellado á Ciencia supón un motor de desenvolvemento económico cun importante efecto multipli¬cador para os Concellos que integran o territorio”.
“A zona dos Ancares e O Courel xa conta con outros selos de protección, como son a Reserva da Biosfera, no primeiro caso, e a Rede Natura 2000, en ambas as dúas demarcacións. O Courel tamén opta este ano ao recoñecemento de Xeoparque Mundial da Unesco, polo que queda claramente de manifesto o interese pola protección dos valores naturais desta zona. Unha aposta que reforzamos dende o Executivo Provincial para converter este paraxe nun enclave destacado para atraer cada vez a un maior número de visitantes”, destacou.
O Deputado de Turismo explicou que “para a implantación do Turismo Científico cómpren determinadas accións coordi¬nadas e ordenadas no tempo que precisan continuidade. Igualmente, a coordinación entre os diferentes actores presentes no territorio, é fundamental”.
Vidal Baamonde anvanzou que “entre as accións iniciais, a máis importante é dotar ao destino dunha denominación común en paralelo coa creación dun órgano de coordinación cun xestor ou responsable do mesmo. A partir de aí desenvolveranse distintas liñas de traballo que será o que marque o inicio da estratexia de Turismo Científico para as Montañas de Ancares e O Courel”.
“Deben ser tecidas redes de traballo entre os diferentes axentes, tanto a Deputación como os Concellos, a USC/Estación Científica do Courel e Xeoparque, como empresas, asociacións e outras entidades que poidan traballar no territorio neste campo de actuación”, salientou.
A Deputación encabezou esta iniciativa en agosto de 2018, enmarcada dentro do Plan Estratéxico de Turismo, que busca que a montaña lucense conte cun proxecto turístico pioneiro, acorde co potencial dos seus moitos recursos naturais.
O distintivo Observer
O sistema de certificación Observer creouse coa finalidade de fomentar e mellorar a calidade das accións relacionadas co Turismo Científico sostible e de calidade. Permitirá unificar ciencia, divulgación científica e turismo nun só distintivo para as montañas dos Ancares e O Courel. Así mesmo, o selo contempla o turismo científico como unha modalidade moderna de turismo que garante a sustentabilidade e a participación, e facilita o acceso a todos os sectores da poboación, incluso aqueles con ne¬cesidades especiais ou de grupos minoritarios.
Tras superar o proceso de revisión e avaliación do potencial da zona, o territorio poderá desenvolver a creación dun ecosistema integrado de turismo científico Ancares-Courel, que buscará agora crear as estruturas necesarias para un turismo de calidade, avalado pola certificación Observer. En Galicia, só o Parque das Illas Atlánticas posúe este distintivo.
O Goberno Provincial pretende con este proxecto dar o pulo inicial a un turismo innovador, nunha rexión que conta cun dos maiores espazos naturais de Galicia e múltiples zonas de protección do medio natural. Entre elas, a Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá; as zonas especiais de conservación (ZEC) Ancares-Courel; Zona Especial de Protección para as Aves dos Ancares (ZEPA), ambas pertencentes á Rede Natura 2000; Reserva Nacional de Caza; zona de Especial Protección do oso pardo; e a declaración como Paraxe Pintoresco da Serra dos Ancares en Cervantes.
2ª Fase
Unha vez acadado o distintivo do territorio Ancares-Courel como destino de turismo científico Observer, desenvolverase unha estratexia na que se contemplan preto de 10 accións a realizar ata o mes de agosto para impulsar o uso de recursos naturais e culturais cos que facer divulgación científica, co fin de promover o desenvolvemento de actividades turísticas, didácticas e lúdicas vencelladas á ciencia en calquera das súas disciplinas.
Entre estas actuacións estaría a creación dun grupo de traballo no que a Deputación contará coa participación da USC, os Concellos integrados na zona e outros axentes claves do territorio que teñan competencias en materia de divulgación ou xestión dos recursos naturais. A segunda fase tamén contempla a creación dunha páxina web, o deseño dun catálogo divulgativo de bens de interese científico deste espazo, así como cinco itinerarios temáticos ligados ao turismo científico e a creación dunha APP.
Ademais, desenvolverase unha programación anual de turismo científico, un seminario para empresas do sector sobre o mesmo e un seminario de formación para guías e informadores turísticos.