O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, participou este sábado na IV Festa da Tenreira Galega en San Román de Cervantes organizada polo Concello en colaboración coa ANPA do CPI Cervantes. A cita consolídase este ano grazas á Deputación de Lugo, que colabora desde a primeira edición cunha achega económica, que este ano ascende a 4.115,60€, dentro da convocatoria de subvencións, en concorrencia competitiva, para entidades sen ánimo de lucro das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, para a posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios na anualidade 2024. Esta cita, que se desenvolveu no polideportivo do centro educativo do concello ancarés, onde se repartiron preto de 350 racións de carne, ten como obxectivo destacar a calidade do produto, o papel dos gandeiros e a importancia do sector primario na Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses, xestionada pola Deputación de Lugo.