Deputación e USC impulsan o aproveitamento sustentable e a valorización da Árnica Montana nas Reservas da Biosfera de Lugo



Fuente: Deputación de Lugo

– O proxecto, financiado con 22.700 euros, permitirá a investigadores do Campus Terra analizar a diversidade xenética desta planta medicinal e establecer parcelas de cultivo

A Deputación e a USC impulsan o aproveitamento sustentable e a valorización no territorio das Reservas da Biosfera existentes na provincia de Lugo da Árnica Montana L., unha planta medicinal tradicional que se atopa ameazada en Galicia, coa posta en marcha dun proxecto de investigación orientado a afondar na análise da diversidade xenética desta planta, que presenta propiedades terapéuticas acaídas para a absorción de hematomas e como antiinflamatorio, e que está a experimentar unha crecente demanda por parte da industria farmacéutica.

Os profesores e investigadores na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC Manuel Vera Rodríguez, do grupo de Xenética, e Rosa Romero, do grupo de Sistemas Silvopastorais, lideran este novo proxecto de investigación, que conta con máis de 22.000 euros de financiamento por parte da Deputación para as anualidades 2018 e 2019, e a través do que se pretende dar continuidade a estudos xa desenvolvidos na sede universitaria luguesa respecto dos principios químicos responsables das propiedades terapéuticas da Árnica Montana L., unha planta na que se distinguen dous quimiotipos: Español e centro europeo, explicou Romero.

O quimiotipo español da Árnica Montana L. é o predominante en Galicia e a súa principal diferencia do quimiotipo centroeuropeo, que é o habitual en países como Alemaña ou Romanía, vén dada polo feito de que as lactonas sesquiterpénicas da súa flor, que son as responsables das propiedades terapéuticas, presentan un menor grao de alerxias asociadas que as atribuídas ás do quimiotipo centroeuropeo da Árnica Montana L.

Daquela, logo da información xa coñecida respecto desta planta medicinal, o obxectivo deste novo convenio entre Deputación e USC abrangue dúas liñas diferentes, como o son a análise da diversidade xenética a nivel inter e intra poboacional de Árnica Montana L. en Galicia, a fin de definir unidades de xestión e establecer estratexias de aproveitamento sostible das súas poboacións; e a posterior posta en marcha de experiencias de cultivo (parcelas experimentais) respectuosas coa conservación da biodiversidade das poboacións naturais de árnica, pero encamiñadas a abrir alternativas rendibles economicamente para o sector agrario galego. Un paso posterior sería o de explorar posibilidades de realizar transformacións en Galicia que vaian mais alá do secado e picado da árnica, coa finalidade de incrementar o valor engadido e a repercusión económica e de creación de emprego.

Artellar medidas para garantir a pervivencia das poboacións naturais de árnica en Galicia, sobre todo na provincia de Lugo, por ser onde se atopa algunhas das mellores poboacións de árnica do Noroeste da Península Ibérica, e favorecer o aproveitamento sustentable dunha planta medicinal que tamén pode ser fonte de ingresos adicionais na actividade agraria constitúen, en opinión dos promotores deste proxecto de I+D, actuacións importantes para un territorio no que cada no se colleitan máis de vinte toneladas de flor fresca de árnica.

Alén do positivo impacto económico, outra das vantaxes deste convenio de I+D+i afectan á transferencia de tecnoloxía ao sector agroforestal, xa que os estudos que se desenvolvan poderían permitir poñer a disposición dos agricultores técnicas de cultivo desta planta medicinal no marco da agricultura ecolóxica que sexan viables técnica e economicamente e que sexan sostibles no tempo e no espazo, contribuíndo o desenvolvemento rural e a fixación de poboación nas zonas rurais. Asemade, o o aproveitamento en cultivo da árnica reviste un interese social dado que pode ser un complemento que axude a incrementar as rendas económicas doutras actividades agrarias, gandeiras e forestais da provincia de Lugo.


This site is registered on wpml.org as a development site.