O Goberno da Deputación colabora coa Revista Micolucus, que inclúe 17 traballos de expertos micolóxicos



Fuente: Deputación de Lugo

– Trátase da IV edición da publicación que realiza a Sociedade Micolóxica Lucus, que conta cunha achega económica de 3.000 euros do Executivo Provincial, na que se afonda en especialidades como a micoloxía, botánica ou zooloxía, entre outras

– López Izquierdo puxo en valor o traballo realizado por parte da Sociedade e subliñou que “nos últimos anos ten aumentado notablemente o interese polo aproveitamento micolóxico, debido á súa importancia ecolóxica, nutricional, gastronómica e lúdico turista”

– Esta revista anual, caracterizada polo amplo rigor científico, está composta por 17 artigos dunha altísima calidade informativa elaborada por profesionais recoñecidos

– Os obxectivos deste colectivo son fomentar os valores naturais lucenses e achegar esta ciencia á cidadanía coa posta en marcha de cursos, xornadas e diferentes actividades

A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e o Presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso Díaz, presentaron este venres no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, a IV edición de Micolucus. Trátase da revista lucense coa que colabora o Goberno da Deputación cunha achega económica de 3.000 euros, co obxectivo de promocionar, defender e divulgar a micoloxía na provincia de Lugo. Esta cuarta edición, inclúe nas súas 102 páxinas 17 artigos que afondan na micoloxía, botánica, anfibios, orquídeas, así como atractivas suxestións micogastronómicas, entre outros moitos temas. Esta publicación anual, caracterizada polo amplo rigor científico, está composta por traballos dunha altísima calidade informativa elaborada por expertos na materia que contan cun grande recoñecemento a nivel profesional.

 

López Izquierdo puxo en valor “o traballo realizado no eido da micoloxía durante 16 anos por parte da Sociedade Micolóxica Lucus para fomentar os valores naturais e medioambientais lucenses. Esta publicación, que se está a consolidar como referente no eido medioambiental, non só na provincia senón tamén do país, abre as portas ás novas vías de difusión do patrimonio natural lucense, sobre todo nas Reservas da Biosfera, que xestionamos dende o Goberno da Deputación”.

 

A Deputada de Promoción Económica e Social subliñou que “durante os últimos anos, ten aumentado moi notablemente o interese polo aproveitamento micolóxico, debido á súa importancia ecolóxica, nutricional, gastronómica e, ademais, lúdico turista. Con esta revista micolóxica, coa que colaboramos, os lectores coñecerán a riqueza e a diversidade de especies de cogomelos coas que contamos na nosa provincia”.

 

Pola súa banda, o Presidente da Sociedade, Julián Alonso Díaz, agradeceu a colaboración da Deputación e afirmou que “sen a súa sensibilidade e apoio non sería posible editar este IV número da revista que hoxe presentamos”.

 

Sociedade Micolóxica Lucus

A Sociedade fundouse en 2001 pola iniciativa dun grupo de afeccionados á micoloxía, cumpríndose ao fin un anhelo que tiñan moitos afeccionados en Lugo desde facía anos: unha asociación que canalizase todas as súas inquietudes no ámbito da micoloxía. Os obxectivos deste colectivo son fomentar os valores naturais lucenses e achegar esta ciencia á cidadanía coa posta en marcha de cursos de micoloxía, cuxa acollida foi positiva, pois as 140 prazas ofertadas cubríronse en poucos días. Un labor fundamental para fomentar a protección destas variedades micolóxicas e, sobre todo, evitar as intoxicacións por inxesta. O profesor é o presidente da Sociedade, Julián Alonso, Doutor en Ciencias Biolóxicas e experto micólogo, impartiu máis de 160 cursos, xornadas e conferencias ao longo da súa carreira.


This site is registered on wpml.org as a development site.