O Mazo de Santa Comba reabre as súas portas



Fuente: Diputación Provincial de Lugo

– O conxunto etnográfico dedicado á auga conta con diversos paneis informativos con explicacións detalladas sobre o funcionamento dos enxeños que alberga.

– A Deputada salientou que “con estas últimas actuacións, reforzamos o papel do Mazo de como espazo lúdico-didáctico no que descubrir o papel fundamental do ciclo da auga no desenvolvemento do rural”.

– O organismo provincial converteu ao centro etnográfico nun espazo autosuficiente instalando unha turbina que xera electricidade completamente “verde” coa forza da auga.

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, inaugurou este sábado, acompañada de ducias de veciños da zona, o renovado Mazo de Santa Comba, o conxunto etnográfico do organismo provincial dedicado á forza motriz da auga. O Mazo, recuperado pola Deputación no ano 2002, conta agora con numerosos paneis informativos que dan conta das características e importancia dos enxeños que se expoñen no centro etnográfico.

Sonsoles López destacou que “con estas últimas actuacións, reforzamos o papel do Mazo como espazo lúdico-didáctico no que descubrir o papel fundamental do ciclo da auga no desenvolvemento do rural”. A Deputada valorou que este centro de traballo foi, no seu tempo, “un punto clave para o desenvolvemento económico e social da zona e que marcou un antes e un despois nos traballos do rural”.

Durante a xornada, que incluíu unha visita guiada polas instalacións na que se descubriron os novos paneis informativos que visten o centro, os participantes coñeceron de primeira man o funcionamento do muíño, do mazo, da serra ou da moa de afiar, mecanismos accionados pola forza da auga e que significaron, no seu tempo, un pulo importante na economía local.

O ano pasado, a Deputación, no marco da súa aposta polas enerxías renovables para conservar o medio ambiente e reducir custes, instalou unha turbina hidráulica que aproveita a enerxía cinética e potencial da auga do río Chamoso, convertendo ao Mazo nunha instalación autosuficiente enerxeticamente.

Outro dos factores positivos desta mellora é que a enerxía producida é “verde”; pois non impide o aproveitamento da zona fluvial; regula o caudal de auga e non consume recursos, posto que toma auga nun punto e devólvea ao río integramente. Con esta medida, o centro etnográfico aforra ao redor de 20.000 euros ao ano na factura eléctrica.

Centro de referencia

O Mazo de Santa Comba atópase dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño, territorio protexido que comprende unha superficie de 363.669 hectáreas de 26 municipios lucenses, ocupando un 39% do territorio, convertendo a Lugo na provincia con maior superficie declarada reserva pola UNESCO.

Este conxunto etnográfico está situado ás beiras do río Chamoso e confórmano varias edificacións construídas artesanalmente nas que a auga é empregada como forza motriz dos mecanismos como o muíño, o mazo, a serra e a moa de afiar. O Mazo de Santa Comba abastecía con apeiros de labranza aos labregos e coas mellores fouces de sega a Castela, destino tamén dos galegos na época de colleita.


This site is registered on wpml.org as a development site.