Fuente: Deputación de Lugo
A nova edición de seminarios gratuítos de motivación e maduración de ideas empresariais, terá lugar no Centro de Interpretación Terras do Miño e no Edificio de Servizos Multiusos de Cervantes. Hai 45 prazas en total, 15 en cada un dos obradoiros
A través desta iniciativa, o Executivo provincial ofrece a todos os lucenses emprendedores accións formativas de balde, tanto teóricas como asesoramento individualizado, ademais dun roteiro de visitas a empresas competitivas da provincia
Os interesados poden apuntarse cubrindo o formulario de solicitude en http://cursos.deputacionlugo.org/terrasmino_rato/ ou no teléfono 982 22 78 13
O Goberno da Deputación organiza unha nova edición de seminarios gratuítos de motivación e maduración de ideas empresariais, enmarcados dentro do VI Campus de Emprendemento Sostible. As xornadas arrincarán no mes de marzo e desenvolveranse nas dúas Reservas da Biosfera: Terras do Miño (no Centro de Interpretación Terras do Miño) e Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá (no Edificio de Servizos Multiusos de Cervantes).
A través desta iniciativa, o Executivo Provincial ofrece gratuitamente a todos os lucenses emprendedores accións formativas teóricas e asesoramento individualizado, ademais dun roteiro de visitas que os participantes realizarán por diferentes establecementos e empresas competitivas e sostibles da provincia, onde manterán encontros cos seus responsables para compartir experiencias entre emprendedores, todos eles concienciados sobre o respecto ao medio ambiente. O obxectivo será que os novos emprendedores podan poñer en marcha os seus propios establecementos en calquera dos Concellos que integran as dúas Reservas da Biosfera.
O organismo provincial ofertou 45 prazas en total, 15 en cada un dos cursos, que se celebrarán en varias sesións durante o mes de marzo de forma totalmente gratuíta para os asistentes nas dúas Reservas da Biosfera: Terras do Miño e Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá
Todos os lucenses que teñan unha idea de negocio, pero que precisen axuda e asesoramento por parte de profesionais, teñen unha última oportunidade de inscribirse e participar nestes seminarios do VI Campus de Emprendemento Sostible. As persoas interesadas en participar nestas xornadas poden apuntarse ben no espazo que se atopa habilitado en www.deputacionlugo.gal, ben cubrindo o formulario de solicitude en http://cursos.deputacionlugo.org/terrasmino_rato/, ou no teléfono 982 22 78 13. O prazo de inscrición estará aberto ata cubrir o cupo das prazas ofertadas.
Centro de Interpretación Terras do Miño
Na Reserva da Biosfera Terras do Miño celebraranse sesións formativas tanto de motivación empresarial como de maduración de ideas de negocio.
Campus de maduración empresarial: (15 prazas) Está dirixido a todas as persoas cunha idea de negocio. Será un curso intensivo de catro días, que combinará sesións teóricas con visitas a empresas e titorías individuais, unha vez rematadas as sesións. En canto á parte teórica, traballarase a maduración da idea empresarial de cada un dos participantes, analizando, por exemplo, a súa viabilidade comercial, técnica e legal a través da metodoloxía Canvas, o enfoque medioambiental con exemplos prácticos ou a viabilidade económico-financeira a 5 anos.
As sesións teóricas desenvolveranse o 11, 12 e 13 de marzo en horario a escoller de mañá ou de tarde, de 10:00 a 14:00 horas ou de 16:30 a 20:30. Unha vez rematado o prazo de inscrición e seleccionadas as persoas inscritas, indicarase o horario definitivo das clases. Haberá visitas a empresas o 14 de marzo.
Campus de motivación empresarial: (15 prazas) Especialmente dirixido ao profesorado de centros educativos localizados na Reserva da Biosfera Terras do Miño, que imparta materias relacionadas co mundo da empresa, tales como Economía, Empresa e iniciativa emprendedora ou Formación e Orientación Laboral. En función das prazas libres, tamén poderá participar o persoal docente do resto da provincia, interesados en estimular o espírito emprendedor a partir das competencias chave da materia que imparta.
Serán sesións intensivas que terán lugar os días 20, 21 e 22 de marzo, en horario de tarde, de 16:30 horas a 20:00 horas. Estarán destinadas a ofrecer contidos, recursos e ferramentas sobre emprendemento para traballar co alumnado nas aulas. Abordaranse os elementos principais a ter en conta á hora de abrir unha empresa, as oportunidades de negocio na provincia. Tamén haberá visitas inspiradoras para animar a emprender proxectos no rural de forma sostible. As visitas ás empresas será en marzo e fixarase o día cos asistentes ao Campus.
Edificio de Servizos Multiusos de Cervantes
As datas previstas para a celebración do VI Campus de Emprendemento Sostible na Reserva da Biosfera Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá son o 25, 26 e 27 de marzo, para as sesión teóricas. Terán lugar no Edificio de Servizos Multiusos de Cervantes, en horario de tarde, de 16:00 horas a 20:00 horas. As sesións prácticas consistirán en visitas a empresas, que terán lugar o 28 de marzo.