Fuente: Diputación Provincial de Lugo
– O acordo entre ambas administracións impulsará un recurso turístico de primeira orde na comunidade galega e mellorará a calidade de vida dos veciños da zona.
– O organismo provincial achegará 160.000 euros do financiamento e Turismo de Galicia 100.000 euros para acometer uns traballos que inclúen o arranxo dos teitos das tradicionais construcións e a acometida de saneamento e alumeado público.
Xunta de Galicia e Deputación de Lugo asinarán un convenio de colaboración por valor de 260.000 euros co fin de rehabilitar os teitos das pallozas do Piornedo e dotar de servizos básicos de saneamento e alumeado público a esta aldea do Concello de Cervantes.
O organismo provincial achegará o 65,5% do financiamento, é dicir 160.000 euros, e Turismo de Galicia, o 34,5% restante, o que supón 100.000 euros, para acometer uns traballos que impulsarán un recurso turístico de primeira orde na comunidade galega e mellorarán a calidade de vida dos veciños.
Este acordo prodúcese porque ambas administracións coinciden na conveniencia e necesidade de xuntar esforzos para desenvolver proxectos conxuntos no ámbito das súas competencias que impulsen e melloren o turismo de Galicia.
A necesidade das actuacións xurde porque, tal e como figura no convenio, as 17 pallozas existentes no Piornedo levan varios anos sen mantemento e as virulentas inclemencias do tempo neste inverno produciron un importante deterioro en todas elas coa perda de parte da palla e filtracións de auga polos tabiques. Ademais, as tradicionais construcións son o medio de vida para a trintena de habitantes do lugar.
O acordo de colaboración entre Xunta e Deputación ten a súa raíz nun acordo tomado o 1 de abril deste ano polo Pleno provincial para que o organismo lugués, a Xunta e o Concello de Cervantes colaborasen con carácter de urxencia nunha solución de alcance que resolvese o problema do mantemento das pallozas, así como a dotación dos servizos de saneamento e iluminación dos veciños do Piornedo.
A zona da Serra de Ancares, e particularmente O Piornedo, foi declarada paraxe pintoresca en 1971. Ademais, desde os anos 90 teñen o recoñecemento de Ben de Interese Cultural (BIC), promovido por Turismo de Galicia.