A Deputación potencia o acceso a Internet no rural custeando a conexión vía satélite a 800 veciños, asociacións e PEMES



A Xunta de Goberno aprobou o programa Sateliz@te, que conta cun orzamento de 385.000 euros e está destinado a dotar de banda longa ás zonas de sombra da provincia, o que mellorará a calidade de vida e impulsará o desenvolvemento económico no rural

O organismo provincial outorgará a cada beneficiario unha axuda que cubrirá o 100% do custe da instalación da antena e o equipamento preciso para a conexión, ademais de garantir prezos vantaxosos para o mantemento do servizo, que deberá asumir o usuario

A Deputación investirá 47.000 euros, achegados ó 80% pola Unión Europea, en adaptar e dotar de recursos informativos e didácticos a unha palloza do Concello de Cervantes para convertela nun futuro no primeiro centro de interpretación da Reserva da Biosfera dos Ancares

A Deputación de Lugo dá un paso máis no seu esforzo por xeneralizar o uso das novas tecnoloxías na provincia co dobre obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños e impulsar o desenvolvemento económico para crear emprego e fixar poboación. Deste xeito, pon en marcha o programa Sateliz@ate, unha nova liña de axudas encamiñada a potenciar o acceso a Internet na zona rural, a través do que o organismo lugués custeará a conexión vía satélite a uns 800 veciños, asociacións sen ánimo de lucro e PEMES. Así o anunciou este venres o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, quen explicou que o proxecto, aprobado hoxe na Xunta de Goberno, conta con 385.000 euros de orzamento e financiará a dotación de banda longa a zonas de sombra da provincia, “aquelas onde non existe a posibilidade de contar con outro tipo de cobertura”.

Cada beneficiario do programa Sateliz@te recibirá unha axuda que cubrirá o 100% do custe da antena, a súa instalación e os equipamentos precisos para a conexión, como pode ser un router. A contía máxima de cada subvención será de 500 euros. O usuario deberá asumir despois o mantemento do servizo, aínda que a Deputación garantirá tarifas vantaxosas, pois pactará o subministro con varias operadoras de telecomunicacións. A velocidade de Internet da que dispoñerán será dun mínimo de 2 Mb, mentres que o máximo dependerá do tipo de contrato que o usuario formalice coas empresas colaboradoras coas que contará a institución luguesa, aínda que podería chegar ós 12 Mb.

Os destinatarios das axudas poden ser particulares, asociacións sen ánimo de lucro, ou ben pequenas e medianas empresas, que residan ou desenvolvan a súa actividade na zona rural da provincia, é dicir, todo o territorio lucense, a excepción do perímetro urbano definido como tal no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Lugo, e que non dispoñan de cobertura de banda longa de polo menos 2 megas mediante outra tecnoloxía.

Dado que o orzamento total do plan de acceso a Internet rural Sateliz@te é de 385.000 euros e que a contía de cada subvención non superará os 500 euros, os beneficiarios poderán ser un mínimo de 770 particulares ou entidades.

Unha vez aprobado hoxe na Xunta de Goberno a execución do programa, así como as bases e modelos que rexerán o procedemento de concesión de subvencións, a Deputación iniciará o proceso para seleccionar ás empresas colaboradoras. Estima que o prazo de solicitude das axudas se abrirá a principios de xullo, aínda que informará puntualmente da data exacta en canto estea fixada.

“Paliamos o déficit de infraestruturas tecnolóxicas”

Con esta iniciativa, a Deputación contribúe “a paliar o déficit de infraestruturas tecnolóxicas ó que historicamente se veu sometida esta provincia, que, de feito, é, de entre as catro galegas, a que peores datos amosa en cobertura de banda longa”, asegurou Martínez, subliñando ó mesmo tempo as “importantes actuacións” que veu desenvolvendo a institución luguesa nos 6 últimos anos para corrixir esta situación.

Lembrou, neste senso, proxectos emblemáticos, como o Innova-TE, financiado pola Unión Europea e do se está a desenvolver unha segunda fase dotada con 15 millóns de euros de orzamento; o Parnet-TIC, un plan tamén financiado pola UE que xa rematou, encamiñado a potenciar os uso das TIC no medio rural; e o Centro de Innovación Social In Lugo, tamén dirixido a difundir as vantaxes da utilización das novas tecnoloxías para a vida persoal e profesional.

De feito, tal e como destacou o voceiro socialista, potenciar o uso das novas tecnoloxías é unha das apostas estratéxicas da acción de Goberno da Deputación porque “melloran a calidade de vida e o benestar dos cidadáns; garanten un desenvolvemento equilibrado do territorio; e fortalecen o tecido empresarial, xa que aumentan a competitividade e produtividade das empresas, ademais de facilitar o seu funcionamento e axilizar a súa posta en marcha”. O acceso ás TIC é particularmente importante nas zonas rurais, pois evita o illamento e favorece a posta en marcha e funcionamento de novas iniciativas empresariais, que contribúen a fixar poboación.

Novo impulso á Reserva dos Ancares

A Xunta de Goberno aprobou tamén na sesión de hoxe un convenio de colaboración co Concello de Cervantes para adaptar e dotar de todo tipo de recursos informativos e didácticos a unha palloza desta localidade da Montaña, situada en San Román, co obxectivo de convertela nun futuro no primeiro centro de interpretación da Reserva da Biosfera dos Ancares, o que supoñerá “un novo impulso ó desenvolvemento socioeconómico deste territorio de gran valor ambiental”, indicou Manuel Martínez.

O investimento previsto nas obras de adecuación e dotación de recursos será de 46.800 euros, financiados nun 80% pola Unión Europea a través do programa Lug02. As actuacións desenvolveranse nun prazo de 6 meses, contados a partir da sinatura do convenio, en virtude do que o Concello cede a palloza e a Deputación ocúpase da adaptación e dotación de contidos. Unha vez concluídos os traballos, a entidade local farase cargo do seu mantemento.

O voceiro provincial socialista lembrou que a Deputación está a traballar na elaboración nunha páxina web didáctica sobre a Reserva dos Ancares, polo que os seus recursos multimedia poderán ser utilizados para dar contido ó centro de interpretación.

Esta futura aula, engadiu, cumprirá dous obxectivos fundamentais: por un lado, difundir entre todo tipo de público -nenos e maiores, profesores, estudantes, científicos ou particulares- a riqueza natural, cultural, etnográfica e patrimonial da Reserva dos Ancares para impulsar a súa posta en valor e conservación, así como xerar riqueza na provincia aproveitando os recursos naturais; e por outro lado, a Deputación segue a poñer os piares necesarios para garantir o mantemento da declaración da Reserva por parte da UNESCO.


This site is registered on wpml.org as a development site.