PATRIMONIO

NATURAL E CULTURAL

PAISAXE DE MONTAÑA

Desde un punto de vista ambiental, a Reserva ten un grande interese derivado do gran desnivel altitudinal representado e a variedade litolóxica existente. De feito, os seus máis de 1.600 m de desnivel, a orografía e as peculiaridades xeolóxicas foron proclives para a conservación dun importante número de depósitos e formas de orixe glaciar e periglaciar, conformadas ao longo dos distintos períodos fríos do Cuaternario. Así, evidénciase a presenza de sistemas xeoecológicos de alta e media montaña, cuxa dinámica se viu modificada pola presenza humana.

PATRIMONIO NATURAL

A montaña dos Ancares atesoura un singular mosaico de hábitats naturais. Trátase dunha zona atlántica de alta e media montaña na que destaca a presenza de importantes masas forestais (dominadas por carballos, bidueiros e castiñeiros, especies ás que acompañan abeleiras, aciñeiras, capudres, pradairos, teixos e acivros) que albergan un nutrido elenco de hábitats arborizados.

As zonas de matogueira tamén se atopan amplamente representadas, nas que destacan os queirogais secos e os piornais, xogando un importante papel na conservación da biodiversidade. Existen nalgúns puntos localizados, aciñeirais de alto valor bioxeográfico, como o Aciñeiral de Cruzul, ou pequenos faiais, como A Pintinidoira. As áreas cuminais albergan a representación máis occidental de hábitats subalpinos do continente europeo.

Esta variedade de hábitats existente na Reserva alberga unha abundante diversidade de flora e fauna. En canto á flora, destacan especies En Perigo de Extinción como Lycopodiella inundata ou Zygodon conoideus, así como taxóns de interese comunitario como Festuca elegans, F. summilusitanica, Narcissus pseudonarcissus subsp. nobilis ou N. Asturiensis (narcisos, que se poden admirar na Campa de Tres Bispos).

Nos grupos de fauna, entre os invertebrados destaca a presenza do cangrexo de río (Austropotambius pallipes), e en comunidade de vertebrados, cabe sinalar especies en grave perigo de extinción, como o oso pardo (Ursus arctos*, considerado como prioritario) ou o aguia real (Aquila chrysaetos), que é unha das aves máis ameazadas deste territorio e que goza de protección estrita a nivel europeo, estatal e autonómico.

Bosque Os Grobos e Narcisos na Campa de Tres Bispos

Castelo de Doiras e Ponte da Proba de Navia

PATRIMONIO HISTÓRICO

Da época prehistórica destaca o conxunto de túmulos e cámaras megalíticas.
Son coñecidos como mámoas ou medorras, con diferentes variacións dialectais destes nomes, e supoñen un tipo diferenciado dos do resto da Península. Tamén é destacable o conxunto de castros presentes no territorio, que constitúen a forma de asentamento da poboación desde a Idade do Bronce ata o final da romanización, como o castro de Santa María en Cervantes.

Tamén cabe destacar os castelos que dan testemuño do importante pasado medieval da zona. Destacan os de Doiras, Frades e Quindous, no municipio de Cervantes. O conxunto da arquitectura civil complétase coas casas, casas-torre e pazos, como a casa torre de Donís e o pazo de Pando, en Cervantes, ou a casa pazo de Freixís en Navia de Suarna. Tamén existen outros elementos notables representativos da cultura rural tradicional que levan asociada unha toponimia propia, como os hórreos, muíños, fontes etc.

Por outra banda, a numerosa arquitectura relixiosa está representada por unha serie de igrexas parroquiais e capelas, case sempre perfectamente integradas no medio físico e distribuídas por todo o territorio. Moitas destas construcións responden a unha tipoloxía específica de igrexas de montaña, cos seus cabidos característicos. Destacan as igrexas de Donís, Cancelada, Cereixido e San Pedro de Cervantes, en Cervantes.

PATRIMONIO ETNOGRÁFICO

O trazo máis destacable do patrimonio histórico e cultural na Reserva é a palloza (representada no seu logotipo), tipo de vivenda que materializa a supervivencia dunha das formas de habitación máis antigas do contexto europeo. Estas construcións prerromanas coa mesma traza que as vivendas circulares dos castros, albergaban baixo un mesmo teito de palla de centeo ás persoas e ao gando ata fai relativamente pouco tempo. Algunhas, convertidas en museo, poden ser visitables na actualidade e son o máximo expoñente da riqueza etnográfica que os Ancares.

O teitado das pallozas realízase con malla de centeo, que se obtén nas tradicionais mallegas, nas que a palla de centeo é golpeada (antigamente, con paus, na actualidade con máquinas). Posteriormente, realízase a limpeza do gran e o escolmado, que consiste en separar a palla máis longa e dura da curta e dobrada cunha técnica ancestral, para elaborar os colmos, cos que os teitadores reparan o teito das pallozas.

O patrimonio inmaterial é igualmente importante, aínda que escasamente estudado. Podéndose destacar a rica e pouco estudada toponimia do territorio, as numerosas lendas de tradición oral, os festexos tradicionais, os oficios tradicionais da zona como serranchíns, carpinteiros, fiandeiras, tecedeiras, feirantes, seitureiros, muiñeiros, canteiros ou ferreiros.

Mallega en Cervantes e Pallozas de Piornedo

Cortín de Robledo de Rao – Vacas en Piornedo

ACTIVIDADES TRADICIONAIS

A zona conta cun importante conxunto de prácticas e actividades tradicionais que posúen un elevado interese etnográfico, como o aproveitamento dos prados seminaturais de montaña e da castaña nos soutos, así como a produción apícola, que conta cunhas construcións características que protexen as colmeas do oso (cortíns ou albarizas).

Aínda que dunha forma moi simplificada, aínda se realiza o movemento estacional do gando vacún durante a época estival desde as aldeas aos pastos de verán, localizados nas brañas.

Durante séculos, os extensos bosques naturais foron fonte de madeira para diversos usos e oficios, a través de curtas a pequena escala que permitiron o seu mantemento ata os nosos días. Pola súa banda, os cultivos hortícolas empregaron e mantiveron ecotipos específicos da zona de montaña, caracterizados pola súa rusticidade.

Por todo iso, é posible citar unha serie de producións agroalimentarias artesanais de elevada calidade, entre as que destacan os queixos, os produtos cárnicos, ou produtos obtidos do medio forestal (mel, castañas ou arandos, entre outros).

A persistencia destas actividades e producións tradicionais é vital para o mantemento do patrimonio cultural e natural da Reserva.

Este traballo foi financiado íntegramente polos fondos Next Generation da Unión Europea a través da subvención convocada pola Xunta de Galicia  “Axudas para actuacións por parte dos órganos de xestión das reservas da biosfera de Galicia con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023”. Con todo, os puntos de vista e as opinións expresadas son unicamente os do autor ou autores e non reflicten necesariamente os da Unión Europea ou a Comisión Europea. Nin a Unión Europea nin a Comisión Europea son responsables delas.

This site is registered on wpml.org as a development site.