Fonte: Deputación de Lugo
A programación, dividida en grupos segundo as idades dos participantes, inclúe obradoiros sobre a apicultura, a repostería, o herbario e a elaboración de cervexa artesá, entre outros.
As persoas interesadas en participar deberán reservar a súa praza na páxina web www.deputacionlugo.gal ou en inscricions.deputacionlugo.org/
A Deputación de Lugo impulsa unha nova programación de actividades de educación e divulgación ambiental sobre a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Durante os meses de febreiro e marzo impartiranse 5 actividades cun total de 90 prazas gratuítas.
A programación está dividida en grupos segundo as idades dos participantes: para o público infantil e para adultos. Os obradoiros abordarán cuestión relacionadas coa a apicultura, a repostería, o herbario e a elaboración de cervexa artesá, entre outros.
As persoas interesadas en participar nalgunha das actividades programadas deberán reservar a súa praza na páxina web www.deputacionlugo.gal ou en inscricions.deputacionlugo.org; a través do correo electrónico und.medioambiente@deputacion.org. Poden tamén chamar ao teléfono 982.30.59.30 para obter máis información. As inscricións faranse por rigorosa orde de inscrición, ata cubrir as prazas ofertadas.
Programación
Cervantes
– 14 de marzo: Iniciación á apicultura. 20 prazas para adultos. Edificio de Usos Múltiples de Cervantes, de 16.00 a 20.00 horas. Esas xornadas abordarán conceptos teóricos e prácticos vinculados ao aproveitamento e particularidades da apicultura, facendo mención ás distintas características das abellas, colmeas, equipos necesarios para os traballos, calendario de tarefas anuais, control de colmeas e técnicas de recolección de mel.
Navia de Suarna
– 26 de febreiro: Curso de repostería con produtos locais e de tempada. 15 prazas para adultos. Escola de Barcia, de 16.00 a 20.00 horas. Este obradoiro consistirá na elaboración de receitas de repostería con produtos da zona, como son castañas, mazá e améndoas.
– 25 de marzo: Viveirismo de plantas de interior. 15 prazas para adultos. Escola de Barcia, de 16.00 a 20.00 horas.Esta actividade consiste en dar a coñecer distintas plantas de interior e a súa produción e medio de reprodución, así como os coidados necesarios para poder manter en boas condicións as plantas de interior.
Becerreá
– 26 de febreiro: Herbario dos Ancares Lucenses e montes de Cervantes, Navia e Becerreá. 20 prazas para adultos. Centro Social de Becerreá, de 10.00 a 14.00 horas. Nesta actividade impartiranse coñecementos teóricos para a posterior identificación de flora vencellada ao territorio da Reserva, do mesmo xeito falarase das distintas propiedades das mesmas.
– 2, 9 e 16 de marzo: Elaboración de cervexa artesá. 20 prazas para adultos. Centro Social de Becerreá. 2 de marzo, de 15.00 a 22.00 horas, 9 de marzo, de 16.00 a 18.00 horas e 16 de marzo, de 16.00 a 20.00 horas. Esta actividade ofrecerá coñecementos teóricos e prácticos para a elaboración de cervexa artesá.
Actividades da Reserva da Biosfera Terras do Miño
Ademais, o Centro de Interpretación Terras do Miño, o Centro de Interpretación da Lagoa de Cospeito e o parque Rosalía de Castro de Lugo acollen 14 actividades gratuítas, entre elas, xornadas sobre consumo responsable, a calidade de augas e incendios, paseos guiados e cociña creativa, ademais de obradoiros de Entroido. As persoas interesadas poden obter máis información na páxina web da Deputación de Lugo www.deputacionlugo.gal