Fonte: Deputación de Lugo
Na reunión da xerencia do espazo recoñecido pola UNESCO celebrada esta mañá en Cervantes, na que participou a voceira socialista da Deputación,acordouse integrar no órgano de participacióna asociación SER, presidida polo cineasta Óliver Laxe
O órgano reitor da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá acordou este luns nunha reunión celebrada en San Román de Cervantes estudar a ampliación da zona protexida a As Nogais e Pedrafita. Ambos concellos manifestaron o seu interese en integrarse na Reserva da Biosfera e teñen unha porcentaxe elevada do seu territorio incluída na Rede Natura 2000, As Nogais case do 40% e Pedrafita máis do 98%. De saír adiante, a ampliación favorecería a conexión coas Reservas de Terras do Miño e Río Eo-Oscos e Terras de Burón, e tamén coa futura da Ribeira Sacra e o Xeoparque das Montañas do Courel.
No encontro, no que participaron a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, e os deputados de Medio Ambiente e Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, José Luis Raposo e Ana González Abelleira, acordouse a integración de tres novos membros no órgano de participación da Reserva, entre eles a Asociación SER, presidida polo cineasta galego Oliver Laxe, un colectivo que ten como obxectivo defender o patrimonio material e inmaterial de Navia de Suarna e a súa contorna. A Sociedade Cooperativa A Carqueixa e a Asociación Cultural Val dos Corzos son as outras dúas entidades que pasan a formar parte da representación social da Reserva.
Na orde do día tratáronse ademais diversas iniciativas para a vindeira anualidade co fin de aproveitar todas as oportunidades que ofrece esta Reserva. Entre os puntos a tratar encontrábase a programación de actividades na Reserva da Biosfera; asolicitude de incorporación da Reserva daBiosfera ao Consello Provincial de Turismo; e a presentación do estudo sobre a potencialidade da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses para mellorar a prevención de lumes a través da revalorización dos piñeirais.