Éxito de participación na Ruta Cárabos e Estrelas organizada pola Reserva da Biosfera en Piornedo



A Ruta Cárabos e Estrelas celebrada onte no concello de Cervantes, en Piornedo,  pola Deputación de Lugo foi todo un éxito de participación. Con esta actividade, na que se completaron as 15 prazas ofrecidas, os participantes descubriron como se conectan a biodiversidade e a astronomía.

A actividade consistiu nunha ruta guiada que permitiu aos participantes explorar a biodiversidade local e a conexión co ceo nocturno. Por un lado, a ruta incluíu un percorrido de 5 quilómetros pola localidade de Piornedo, e nunha segunda parte a actividade culminou cun percorrido observando o ceo nocturno e guiado polo equipo de astrofísicas de AllandeStars. Durante a sesión, aprenderon sobre as estrelas, os planetas, as galaxias, as constelacións, e outros corpos celestes, comentando algunhas das lendas do ceo escritas por diferentes sociedades antigas que perduraron ata os nosos días e empregando telescopios astronómicos e prismáticos.

Esta iniciativa, realizada en colaboración con AllandeStars e a Asociación Corripa, forma parte do programa de actividades gratuítas da Deputación de Lugo na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses. A Deputación ten programada outra edición da Ruta Cárabos e Estrelas para o 30 de agosto na Ponte de Cruzul, que xa completou as prazas e conta con listas de agarda. Ademais, o 1 de setembro celebrará a actividade Astronomía e Patrimonio en Casa Quindós.

Certificación Destino Turístico Starlight

Desde este ano, a Deputación de Lugo conta a certificación de Destino Turístico Starlight para a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Bece-rreá. Este recoñecemento internacional da UNESCO destaca os esforzos da Deputación por protexer o ceo nocturno e promover o turismo astronómico na zona, que inclúe os concellos de Navia de Suarna, Cervantes e Becerreá.


This site is registered on wpml.org as a development site.