A Deputación de Lugo propón ao cineasta e emprendedor rural Óliver Laxe ás Medallas Castelao



Fonte: Deputación de Lugo

Por iniciativa do Presidente, José Tomé Roca, a institución provincial rexistrou hoxe a candidatura para que a Xunta lle outorgue a Laxe este recoñecemento polo seu labor no impulso do Novo Cinema Galego, do que é referente, e polo seu compromiso e implicación na defenda do medio rural galego, sobre todo na Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses

A Deputación acompaña a proposta con cartas de apoio dunha trintena de asociacións e concellos

A Deputación de Lugo, por iniciativa do Presidente, José Tomé Roca, propón ao cineasta e emprendedor rural Óliver Laxe ás Medallas Castelao 2020 polo seu labor no impulso do Novo Cinema Galego, do que é referente, e polo seu compromiso e implicación na defensa e promoción do medio rural galego, sobre todo na Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses.

A institución provincial rexistrou  oficialmente este mércores a candidatura de Óliver Laxe ás Medallas Castelao, xunto con un amplo documento sobre a súa traxectoria e as cartas de apoio da trintena de asociacións e concellos cos que a entidade mantivo contacto para promover a proposta.

“Coas Medallas Castelao, a Xunta de Galicia distingue aos galegos e galegas pola súa contribución á súa terra dende moi diferentes perspectivas. Dende a Deputación estamos convencidos de queÓliver Laxe debe ser distinguido con este recoñecemento e por iso, diriximos a proposta no nome da institución”, subliña Tomé Roca. 

A Deputación expón na súa proposta que Laxe é merecedor da Medalla Castelao pola súa implicación na defensa do medio rural de Galicia por potenciar proxectos culturais e de vida en xeral, pola súa implicación na cultura e nas tradicións, por ser fillo da emigración e basear parte da súa filmografía nun problema fundamental do territorio galego, como é o despoboamento e o abandono do rural galego.

Oliver Laxe ten unhaestreita relación familiar e afectivacoacomarca dos Ancares. Está empadroado no Concello de Navia de Suarna, de onde son os seus avós maternos e desde hai uns anos está a restaurar a casa dos seus antepasados en Vilela, na parroquia de Santa María de Son.

O seu compromiso con Navia de Suarna e cos Ancares vén de manifestarse no seu último traballo cinematográfico, O que arde, que se rodou en galego nesta comarca lucense. Con esta nova película estreada no ano 2019, Laxe achegou ao mundo a un hipnótico e fascinante retrato dun modo de vida en extinción na Galicia rural, onde vén a mostrar de forma descarnada un dos problemas existenciais do territorio galego, como é o despoboamento e o abandono da Galicia rural e as súas imprevistas consecuencias.

O afamado director ten manifestado que un dos obxectivos do seu traballo na comarca dos Ancares é contribuír a revivificar os vales, onde tantas xeracións de labregos, e máis en concreto a súa familia, viviron, e que se sinte coa obriga de honrar a súa liñaxe. Para isto precisa crear certas enerxías económicas e acometer diversas iniciativas, entre as que destacan a rodaxe da súa terceira película ou o seu último proxecto, que consiste nun centro pedagóxico, terapéutico e comunitario situado en Vilela, unha aldea dos Ancares. Unha plataforma a través da cal se poidan organizar obradoiros, proxeccións, conferencias e encontros comunitarios de carácter cultural, sen ánimo de lucro, aos que acudan xentes de todos os eidos, formacións, idades e nacionalidades, posibilitando así un fértil e construtivo intercambio entre Vilela, a comarca e os seus visitantes. O carácter innovador desta proposta radica, ademais, en que todas as actividades docentes xirarán ao redor do traballo no souto de Vilela, o verdadeiro eixo vertebrador do proxecto.
    
Tal e como se ten manifestado, Laxe ten a intención de reformar a súa casa de Vilela, onde quere vivir e xerar cultura e ser un punto de encontro e creación para cineastas galegos. A rodaxe de O que arde foi o primeiro paso nesa dirección. Neste sentido, no ano 2017 fundou a Asociación Ser coa pretensión de protexer e revivificar a aldea de Vilela e dos seus montes limítrofes; respectar e defender o patrimonio arqueolóxico e paisaxístico de Vilela e recuperar os seus ecosistemas tradicionais; protexer o patrimonio inmaterial da comarca dos Ancares, os seus saberes tradicionais, valores e costumes; fortalecer a identidade cultural da comarca; crear sinerxías entre o local e o internacional; e traballar por unha visibilizaciónda  zona e defender un tipo de vida en harmonía coa natureza.

O director de cinema atesoura máis dunha vintena de premios e nominacións en  certames nacionais e internacionais que recoñecen e poñen o valor o coidado e minucioso traballo que vén desenvolvendo dende hai máis dunha década.

O Presidente incide en que “a Medalla Castelao serviría para darlle unha distinción de todos os galegos e galegas, unha forma de agradecerlle o compromiso e o traballo que realiza para promocionar a nosa terra dunha maneira sostible e respectuosa co medio; precisamos máis Óliver Laxe para impulsar o noso rural”.

Traxectoria no cinema
Óliver Laxe é fillo de emigrantes galegos, naceu en París no mes de abril do ano 1982. Regresou a Galicia con seis anos, no ano 1988. Os seus primeiros estudos foron na cidade de A Coruña, e posteriormente trasladouse a Barcelona a estudar cine na Universidade PompeuFabra. Os seus inicios no mundo do cine foron no ano 2006, tras a súa marcha a Londres, onde rodou a curta E as chemineas decidiron escapar, en colaboración con Enrique Aguilar.

Máis tarde, mudouse a Tánxer, onde rodaría as curtametraxes Sona unha trompeta, agora vexo outra cara e París #1, coas que conseguiu varios premios en certames cinematográficos. En Tánxer, tamén creou o proxecto DaoByed, unha plataforma de creación cinematográfica para nenos e adolescentes procedentes de ámbitos desfavorecidos. Desta experiencia en Tánxer, xurde a súa primeira longametraxe, Todos vós sodes capitáns, un ensaio visual a medio camiño entre o documental e a ficción, no que narra a historia de Óliver, un profesor que propón a un grupo de nenos rodar unha película en Tánxer. Coa súa longametraxe obtivo o premio da Fipresci (Federación Internacional da Prensa Cinematográfica) no Festival Internacional de Cine de Cannes no ano 2010, na sección Quincena de Realizadores. Igualmente, tamén conseguiu outros galardóns no Festival de Mar de Plata e no Festival de Xixón.

No ano 2016 estréase no Festival de Cannes a súa segunda longametraxe, Mimosas, conseguindo o Gran Premio da Semana da Crítica, así como tamén vai a lograr outros moitos recoñecementos en diferentes foros e festivais internacionais.

O que arde estreouse o 21 de maio de 2019 na 72º Edición do Festival Internacional de Cine de Cannes, na sección oficial Una Cierta Mirada, onde conseguiu o Premio do Xurado, sendo a primeira vez que unha película en galego se proxecta na sección oficial do Festival de Cannes. Despois da exitosa estrea comercial, avalada polo público e pola crítica, seguiu recollendo premios en diferentes festivais e certames, dos que podemos destacar dous Premios Goya (Goya á mellor fotografía e Goya á actriz revelación), o Astor de Ouro á mellor película no Festival de Mar de Plata, mellor filme europeo e mellor fotografía nos Premios Gaudí ou os seis premios na XVIII Edición dos Mestre Mateo, entre outros.

https://youtu.be/9xG5ciHWI9Q


This site is registered on wpml.org as a development site.