Fonte: Diputación Provincial de Lugo
– A Deputación fai unha nova achega de 3.000 euros para financiar parte das actividades do encontro que se celebrará o sábado, 9 de agosto, no Polideportivo municipal.
– Durante todo o día haberá máis de 40 postos artesáns de cerámica, coiro, teares e de produtos propios da zona da Montaña lucense.
– Este encontro contribúe á promoción os produtos autóctonos e os oficios tradicionais para xerar riqueza e fixar poboación no rural.
A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e o Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, presentaron este mércores o III Encontro de Artesanía, Produtos Típicos e Arte Tradicional de San Román, que se celebrará na localidade o vindeiro sábado, 9 de agosto, e co que a Deputación colabora un ano máis facendo unha achega de 3.000 euros para contribuír a financiar as actividades programadas co obxectivo de promocionar os oficios tradicionais e os produtos autóctonos da zona, dinamizando a economía local.
Nesta liña, a Vicepresidenta Segunda salientou que “no momento de crise que estamos a vivir é bo incentivar actividades coma esta, que ofrecen unha saída económica real ós veciños e produtores da zona”. Lara Méndez subliñou tamén que “establecer os produtos artesanais e tradicionais como fonte de ingresos e xeración de riqueza é un dos camiños nos que debemos traballar, para ofrecer alternativas de futuro ós lucenses, á vista da rica tradición artesanal da nosa provincia”.
Pola súa banda o rexedor cervantino, Benigno Gómez Tadín, agradeceu á Deputación a súa colaboración e convidou a todos os interesados a achegarse ó municipio, para gozar da riqueza paisaxística e cultural que ten Cervantes.
Programación da xornada
A Deputación de Lugo propón o traballo artesanal e os produtos tradicionais como un dos camiños para xerar riqueza e, deste xeito, fixar poboación e frear o despoboamento do rural. Durante o III Encontro de Artesanía, Produtos Típicos e Arte Tradicional promocionaranse os produtos e a artesanía máis tradicional da rexión. O encontro dará comezo o sábado ás 11:00 horas coa apertura de portas do recinto do Polideportivo Municipal, onde haberá máis de 40 postos de artesanía e produtos típicos. Durante a xornada tamén están programadas actividades para os máis novos, abertos dende primeira hora da tarde. Durante a xornada terá un papel destacado a música, da man de Os Xardois, grupo tradicional da vila que amenizará o encontro durante a xornada.
Colaboración con Cervantes
Cervantes tamén acolleu hai uns días unha xuntanza dos Órganos de Xestión das Reservas da Biosfera, na que a Deputación daba conta de dous convenios importantes para ese municipio e a súa Comarca. Estes acordos, que se asinarán co Organismo Autónomo de Parques Nacionais e coa Xunta de Galicia, respectivamente; teñen por obxecto pór en valor a riqueza das Reservas da Biosfera e a etnografía do Concello de Cervantes e da Montaña luguesa.