Comezan as obras de acondicionamento da Praza do Campo de Quindous, en Cervantes



Fonte: Deputación de Lugo

O Executivo Provincial achega 8.000 euros para levar a cabo o tratamento fitosanitario das árbores, así como a limpeza e mellora de 12 bancos. Tamén se arranxarán as mesas e papeleiras, e colocaranse dúas mesas máis, tipo picnic, con bancos incorporados. Ademais, construírase unha nova mesa de castiñeiro

Trátase dun espazo de uso público cun elevado valor natural, moi concorrido pola xente da propia aldea, así como por numerosos visitantes, por formar parte do patrimonio natural e cultural da Reserva da Biosfera de Ancares Lucenses

Fernández Queipo subliñou que “o obxectivo é actuar sobre as árbores que se atopan neste lugar e que teñen un alto valor ecolóxico, natural e ambiental. Ao mesmo tempo, melloramos o atractivo paisaxístico e recuperamos o noso patrimonio”

O Vicepresidente e Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, informou este luns do inicio das obras de recuperación da Praza do Campo de Quindous, no Concello de Cervantes. As actuacións, financiadas polo Executivo Provincial, cunha achega de 8.000 euros consistirán na renovación do mobiliario urbano e o tratamento fitosanitario das árbores da praza. Trátase dun espazo de uso público cun elevado valor natural e paisaxístico. O lugar é moi concorrido pola xente da propia aldea, así como polos numerosos visitantes que se achegan ata a zona, por formar parte do patrimonio natural e cultural da Reserva da Biosfera.

Fernández Queipo subliñou que “o obxectivo é actuar sobre o estado fitosanitario das árbores que se atopan neste lugar e que teñen un alto valor ecolóxico, natural e ambiental. Ao mesmo tempo, melloramos o atractivo paisaxístico e ornamental e recuperamos o noso patrimonio. Actualmente, na zona de realización destes traballos hai 4 árbores de grande porte, dous carballos albar (Quercus petraea Mattusch. Liebl) e dúas rebolas (Quercus pirenaica Will), existindo un de cada especie catalogado coma árbore senlleira.  A situación da rebola é preocupante, atopándose practicamente seca; e un dos carballos albar presenta unha seca xeneralizada das puntas das pólas”.

Os traballos consistirán na realización de melloras silvícolas nos dous exemplares de árbores existentes na Praza do Campo catalogadas como árbores senlleiras, consistente nun tratamento de poda e saneado das pólas afectadas onde sexa necesario, co fin de aumentar a seguridade para os veciños que desfrutan do enclave de Quindous. Tratarase, na medida do posible, de recuperar estes pés que se atopan en mal estado fitosanitario. Esta actuación completarase con traballos similares nos outros dous exemplares de rebola e de carballo albar que existen na Praza do Campo.

Mobiliario urbano

Ademais do tratamento fitosanitario dos catro exemplares, detectouse unha serie de problemas co mobiliario na zona de ocio e desfrute, que pode provocar problemas de seguridade para os visitantes da zona, polo que os traballos incluirán a limpeza e mellora dos bancos existentes, 12 en total, que se ancorarán ao solo con zapatas de formigón. Arranxaranse os estragos nas mesas e papeleiras, e colocaranse dúas mesas máis, tipo picnic, con bancos incorporados, de dous metros de lonxitude. Ademais, retirarase a mesa existente con tocón central e construírase unha nova de castiñeiro.

A aldea de Quindous atópase no centro do Concello de Cervantes e forma parte do terreo da Reserva da Biosfera de Ancares Lucenses: Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. A Praza do Campo de Quindous, sitúase no centro da vila e no cruce exacto das estradas de acceso á zona alta da Reserva de Ancares, a estrada que leva á aldea de Piornedo e á parroquia de Sete Carballos.


This site is registered on wpml.org as a development site.