Fonte: Deputación de Lugo
– San Román de Cervantes acolle hoxe o VI Encontro de Artesanía coa colaboración do Goberno da Deputación, que é o principal patrocinador, pois achega 2.000 euros e leva demostracións artesanais en vivo, no marco do seu Plan Estratéxico de Turismo
– 40 profesionais amosan produtos artesanais e gastronómicos da Comarca. Hai talleres, concursos e campionatos, ademais de actividades para nenos, teatro e música
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, o Deputado de Medio Rural, Lino Rodríguez Ónega, e o Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, inauguraron este mércores, no Polideportivo Municipal, a VI Edición do Encontro de Artesanía deste municipio da Montaña pertencente á Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses. Baixo o lema “Pola defensa do ensino na montaña”, a ANPA de Cervantes e o Concello organizan esta cita coa colaboración do Goberno da Deputación, que é o principal patrocinador desta cita, pois achega 2.000 euros e leva demostracións en vivo de cestaría.
García Porto destacou que “dende o Executivo Provincial colaboramos con esta cita co obxectivo de promover os produtos autóctonos e os oficios artesanais como sinais de identidade e atractivo da provincia. Facémolo no marco do 1º Plan Estratéxico de Turismo de Lugo, que define estes obxectivos como dúas das liñas de actuación para impulsar o turismo e xerar riqueza na nosa provincia”.
Gómez Tadín agradeceu a colaboración do Goberno da Deputación, que “é fundamental para garantir que se celebre un ano máis este encontro”. O Rexedor destacou o programa de actividades que se desenvolve ao longo desta xornada festiva. “Participan 40 profesionais da artesanía e da gastronomía, que nos amosarán os mellores produtos da nosa Comarca. Temos actividades para nenos, talleres e concursos de pintura, grafitis, cestería ou billarda, ademais de actuacións teatrais e musicais”. O Alcalde convidou a todos os visitantes “a achegarse a San Román de Cervantes para coñecer a nosa historia e desfrutar dun día de lecer, nun enclave único, como é o noso Concello”.
Artesanía, pintura, concursos e agasallos
A VI edición do Encontro de Artesanía acolle demostracións en vivo de oficios tradicionais como cestería, traballo de coiro, tear e manualidades. Tamén conta con obradoiros para os máis cativos, mostras de pintura e concursos de pintura rápida e actuacións musicais. Os visitantes poderán degustar produtos típicos da Montaña como mel, embutidos, ou pan. O teatro correrá a cargo da compañía Lucecús, coa obra “Pingüíns” e, paralelamente, disputarase o VII Aberto de Bilarda do Urogalo.