O Deputado de Medio Ambiente recolleu da man da directora xerente da Fundación Starlight, pertencente ao Instituto Astrofísico de Canarias, o distintivo para protexer o ceo nocturno e desenvolver as potencialidades do turismo de estrelas, que tamén se entregou aos tres concellos que conforman a Reserva da Biosfera
Carlos López subliñou que o recoñecemento é froito dun proxecto financiado con fondos europeos que conseguiu a institución provincial para preservar e poñer en valor as dúas reservas que xestiona: Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá
“Damos un novo paso de cara a consolidar o modelo de turismo polo que apostamos para xerar riqueza. Un turismo de calidade, sostible, de experiencias, que coida o patrimonio e que deixa valor no territorio, algo fundamental para apoiar e para fixar poboación no rural”
A xornada incluíu a celebración da primeira mesa de traballo co fin de definir as actuacións necesarias, como adecuar as fontes de luz ou impulsar servizos e recursos especializados, para comezar a desenvolver o destino turístico.
O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, recibiu este luns na Casa do Concello de Navia de Suarna da man da directora xerente da Fundación Starlight, Antonia Varela Pérez, -unha entidade pertencente ao Instituto Astrofísico de Canarias- a certificación de Destino Turístico Starlight para a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Un distintivo que servirá para protexer mediante diferentes actuacións o ceo nocturno e desenvolver as potencialidades do turismo das estrelas, e que tamén recolleron no acto celebrado hoxe os tres concellos que integran este territorio protexido pola UNESCO e xestionado pola institución provincial.
A xornada incluíu así mesmo a celebración da primeira mesa de traballo en relación con esta certificación, na que participaron representantes dos concellos, pero tamén colectivos sociais e entidades que forman parte do órgano participativo da Reserva, co fin de abordar as actuacións necesarias, como adecuar as fontes de luz ou impulsar servizos e recursos especializados, para comezar a desenvolver o destino turístico.
O Deputado de Medio Ambiente subliñou que o recoñecemento é froito dun proxecto financiado con fondos europeos que conseguiu a institución provincial para preservar e poñer en valor as dúas reservas que xestiona: Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. A Deputación logrou un millón de euros que, explicou Carlos López, destinou “a moi diversas actuacións, faladas e acordadas cos órganos de participación e de xestión das reservas, para poñer en valor estes territorios e para impulsar o seu desenvolvemento social e económico dun xeito sostible, entre elas, o proxecto para conseguir a certificación Starlight”.
“Estamos convencidos de que este distintivo nos axudará a consolidar o modelo de turismo polo que apostamos nas Reservas da Biosfera e en toda a provincia para xerar riqueza. Un turismo de calidade, sostible, de experiencias, que coida o patrimonio e que deixa valor no territorio, algo fundamental para apoiar e para fixar poboación no rural, que é un obxectivo co que estamos plenamente comprometidos na Deputación”, asegurou o Deputado.
A Fundación Starlight, que pertence ao Instituto Astrofísico de Canarias, aconséllalle aos Ancares Lucenses despregar todo o seu potencial astroturístico como a captación de novas empresas no territorio que ofrezan servizos de restauración; o desenvolvemento de produtos turísticos como observacións astronómicas ou novas propostas desde e para a zona; e tamén, ser quen de ampliar a oferta de aloxamentos singulares establecendo un vínculo co territorio, deixando claro no seu informe que os xa existentes teñen éxito.
Tramitar este distintivo foi unha das accións impulsadas pola Deputación grazas ao investimento de 1M€ de fondos europeos que conseguiu para as reservas da biosfera que xestiona. En concreto, este espazo protexido da Montaña percibiu preto de 430.000€ para desenvolver diferentes actuacións. Entre elas, conseguir a certificación Starlight supuxo un investimento que superou os 15.000€.
España conta na actualidade con máis de 60 Destinos Turísticos Starlight deste tipo, 8 deles situados en Galicia. O dos Ancares é o segundo da provincia de Lugo, dado que o concello de Muras é destino Starlight desde finais do 2020. Outros dos lugares certificados para o turismo de estrelas en Galicia son Trevinca, o Parque Nacional Illas Atlánticas, a Costa da Morte, Lalín e as Mariñas Coruñesas.