
A Deputación de Lugo promocionará a provincia como destino sostible cun expositor na Feira BioCultura que se celebrará desde hoxe e ata o vindeiro domingo, 9 de marzo, en EXPOCoruña. A sexta edición desta cita reúne no espazo coruñés 150 expositores dedicados aos sectores da alimentación bio, o ecoturismo, alternativas ecolóxicas ou ao benestar e espera superar os 13.000 visitantes ao longo dos tres días.
A participación do organismo provincial enmárcase dentro da política de promoción e reforzo da presenza do territorio de Lugo en grandes citas que axuden a dar a coñecer as potencialidades turísticas da provincia. Nesta ocasión, a Deputación de Lugo ofrece información e recursos tanto dende a óptica turística, expoñendo as potencialidades dos xeodestinos, como de conservación e divulgación do medio ambiente, sendo xestora da Reserva da Biosfera Terras do Miño e da Reserva dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.
O modelo turístico asentando na provincia e no que a Deputación leva anos traballando pasa por un turismo de valor engadido, sostible, de experiencias, que pon en valor o patrimonio e que crea emprego vencellado ao medio rural dos 67 municipios lucenses. Nese sentido, a provincia de Lugo presume de ter máis dun 80% da súa superficie incluída en Reservas da Biosfera recoñecidas pola UNESCO, unha realidade que evidencia que o medio ambiente é un valor en si mesmo, un patrimonio herdado que forma parte da calidade de vida que atesoura o territorio da provincia de Lugo.