Mañá comezan as actividades gratuítas do Goberno da Deputación na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses



Fonte: Deputación de Lugo

O Colexio de Cervantes acollerá este venres a primeira actividade enmarcada dentro da programación do Executivo. Trátase dun obradoiro sobre maxia e ilusionismo, para o que xa hai inscritos uns 40 participantes

Fernández Queipo subliñou que “serán un total de 24 actividades as que se desenvolverán durante este ano nos tres Concellos da Reserva da Biosfera-Ancares Lucenses: Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá” 

Este é o primeiro dos 6 obradoiros que organiza o Goberno da Deputación nos Concellos de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna, para o primeiro trimestre do ano. Os interesados en inscribirse nalgún dos cursos poden facelo en www.deputacionlugo.gal ou no 982 227 813

O colexio de Cervantes acollerá este venres o primeiro obradoiro gratuíto enmarcado dentro da programación de actividades ambientais na Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses. Esta actividade, que contará con preto de 40 participantes, consistirá en adquirir nocións básicas de ilusionismo. Trátase das primeira das 6 actividades que organiza o Goberno da Deputación no 1º trimestre do 2019, totalmente de balde, nos Concellos de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna.

O Vicepresidente e Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, subliñou que “durante o 2019, preto de 500 persoas de todas as idades poderán participar na programación de actividades medioambientais e gratuítas que ofrece a Deputación na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses”.

“Serán un total de 24 actividades as que se desenvolverán durante este ano nos tres Concellos da Reserva da Biosfera-Ancares Lucenses: Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá. A oferta inclúe cursos, obradoiros e campamentos. Haberá un total de 20 prazas para cada curso, o que fai un total de 500 prazas”.

Entre as diferentes actividades, haberá varias relacionadas coa natureza e a agricultura, como os obradoiros de plantas medicinais, plantas aromáticas, reciclaxe, horto, técnicas de enxerto, compostaxe e micoloxía; ou cursos de cociña cos que aprender a facer pasta, ou deshidratar de alimentos. Con isto, preténdese contribuír á conservación da contorna medioambiental e poñer en valor os recursos da zona e a gastronomía da rexión dos Ancares.

Programación 2019
A programación 2019 para os tres Concellos é a seguinte:

Ata marzo
Becerreá: Plantas aromáticas na cociña e Xornadas de apicultura CEIP San xoan
Cervantes: Obradoiro de maxia no CPI Cervantes e Obradoiro de elaboración de cervexa artesá
Navia de Suarna: Deshidratación de froitas, hortalizas e aromáticas e Obradoiro de educación básica canina

Abril-xuño
Becerreá: Deshidratación de froitas e hortalizas e Campamento infantil sobre actividades da natureza e reciclaxe
Cervantes: Curso de cosmética natural e Técnicas de enxerto e acodo
Navia de Suarna:  Planificación do horto primavera-verán e Contacontos para nenos

Xullo-setembro
Becerreá: Prantas mediciñais e Os segredos das estrelas
Cervantes: Astronomía e iniciación á fotografía nocturna no CPI Cervantes e Curso sobre compostaxe
Navia de Suarna: Cociña (obradoiro de pasta) e Campamento nenos 4-12 anos

Outubro-decembro
Becerreá:  A compostaxe e Decoración e contos de Nadal
Cervantes: Obradoiro de cociña creativa con produtos da zona no CPI Cervantes e Micoloxía
Navia de Suarna: Manexo do móbil e Xogos populares para nenos

Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses
Os Ancares foron declarados Reserva da Biosfera pola UNESCO en 2006. A súa superficie é de 53.664 hectáreas, o 6 % do total da provincia. Os montes de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá concentran unha gran riqueza de bens culturais, entre os que figuran dolmens, castros, petroglifos e edificacións históricas. Así, no Concello de Becerreá atópase o dolmen de Vilouta, o castro de Cantiz, as igrexas de Penamaior e San Pedro de Cadoalla e as pontes de Gatín e de Cruzul. No referente ao Concello de Cervantes, alí está situada a necrópole megalítica da Pena dos Mouros, os petróglifos de Campa do Barreiro, o castro de Santa María, o Castelo de Doiras, o Pazo de Quindous ou a igrexa de Donís. En Navia de Suarna atópase a mámoa de Ferreirúas, a ponte e o castelo da Pobra de Navia e os castros de Cantón, Cabanela e Pin.


This site is registered on wpml.org as a development site.