Fonte: Deputación de Lugo
– Fernández Queipo e Gómez Tadín participaron este domingo nunha das probas desta cita canina, que organiza o Clube Español Perro San Bernardo, en Cervantes
– O Deputado de Medio Ambiente subliñou que “este tipo de iniciativas promoven de xeito significativo o turismo na zona dos Ancares Lucenses, pois durante as dúas xornadas deste Campionato, participarán máis de 500 persoas”
– O Goberno da Deputación colabora con este evento coa instalación da carpa onde foron puntuados por xuíces internacionais, máis de 50 exemplares desta raza
O Deputado de Medio Ambiente e Vicepresidente do Órgano Reitor da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses, Argelio Fernández Queipo, xunto ao Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, participou este domingo nas probas do Campionato Nacional De San Bernardo, que tivo lugar na parroquia do Piornedo, no Concello de Cervantes. O Executivo Provincial colabora con esta cita canina, que organiza o Club Español Perro San Bernardo, instalando a carpa onde se celebra este certame deportivo.
Fernández Queipo subliñou que “dende o Goberno da Deputación apoiamos esta cita canina, porque somos conscientes da importancia deste tipo de iniciativas que promoven de xeito significativo o turismo na zona da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses, pois durante as dúas xornadas deste Campionato, participarán máis de 500 persoas. Ademais, por primeira vez na provincia de Lugo, celébrase este campionato estatal aquí no Piornedo, pois o San Bernardo, é unha raza ideal para as zonas de montaña polo seu clima e entorno”.
Durante a fin de semana, celebráronse dúas das catros probas do Campionato Nacional de San Bernardo, que contou con máis de 50 cans procedentes de distintos puntos de España, e que foron avaliados por dous xuíces internacionais; o alemán John Wassman, e o suízo Bernard Léger. Para as puntuacións, tivéronse en conta, o pelo do can, a beleza ou os movementos, entre outras características.