Fonte: Deputación de Lugo
12.848 alumnos de 103 centros educativos de toda a provincia, realizaron actividades dentro desta programación posta en marcha polo Executivo Provincial para conmemorar os días mundiais da árbore e da auga, o 21 e 22 de marzo
Fernández Queipo sumouse á plantación do bidueiro no EEI Fingoi, na capital luguesa. Simultaneamente, alumnos doutros centros escolares levaron a cabo este acto simbólico
O organismo provincial editou os libros titulados A camiñada de Pin e O poder da auga, con historias de ficción axeitadas aos cursos de Educación Infantil e Primaria respectivamente, para achegar ás aulas a importancia da auga
Un total de 12.848 nenos e nenas de toda a provincia plantaron este venres bidueiros nos seus colexios para pechar as actividades enmarcadas na 8ª Semana Escolar da Árbore e da Auga, que se desenvolveu estes días en 103 centros públicos de Educación Infantil e Primaria da provincia, organizada pola Deputación co obxectivo de conmemorar os días mundiais da árbore e da auga, o 21 e 22 de marzo. O Vicepresidente e Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, participou hoxe na plantación do bidueiro que fixeron os escolares do EEI Fingoi, na capital luguesa. Simultaneamente, alumnos doutros centros escolares levaron a cabo o mesmo acto simbólico para pechar a semana.
A Deputación editou os libros titulados A camiñada de Pin e O poder da auga, con historias de ficción axeitadas ao alumnado dos cursos de Educación Infantil e Primaria respectivamente. Nesta edición, as historias falan, a primeira de dúas pingas de auga que viven a aventura dun ciclo elemental, e a outra dunha dama da auga que loita contra a contaminación e salva as árbores. Ambas as dúas historias reflicten a importancia da choiva para a natureza, xa que sen auga non hai vida, e as tramas desenvólvense nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, así como noutros espazos naturais da provincia.
Para establecer as actividades elaborouse un programa con propostas de traballo e editouse unha guía do profesorado que achega pautas para optimizar o emprego dos libros, que recibiron todos e cada un dos escolares inscritos, co obxectivo de achegar ás aulas a importancia da auga e o seu ciclo na natureza, de xeito que o alumnado goce e aprenda ao mesmo tempo.