Fonte: Deputación de Lugo
– O texto é unha síntese da tese doutoral de Vanessa Fernández, e convertese nunha defensa da vida e das persoas dos territorios rurais e de montaña, especialmente daqueles máis afastados
-O Presidente, o Alcalde de Navia e a autora, presentaron esta nova publicación na Casa do Concello de Navia de Suarna, acompañados de veciños e escolares da vila
– Vanessa Fernández Fernández (1984, Murias de Rao-Navia de Suarna), é doutora en Xeografía pola Universidade de Salamanca, tamén é licenciada en Xornalismo e Humanidades, con dous másters. Sempre amosou unha mirada comprometida coa defensa e visibilización destes espazos e dos seus habitantes
O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández acompañados de veciños e escolares da vila, presentaron no Salón de Plenos do Concello de Navia de Suarna a obra que editou o Executivo Provincial: “Aldeas e Vales da Serra de Ancares. O territorio desde dentro”. Fixérono acompañados pola autora do traballo, Vanessa Fernández Fernández, veciña do Concello doutora en Xeografía pola Universidade de Salamanca e licenciada en Xornalismo e Humanidades.
O texto recolle unha síntese da tese doutoral de Fernández Fernández, na que amosa unha investigación critica, pero tamén positiva, comprometida e valente con esta comarca. Pero, sobre todo, a obra convértese nunha defensa da vida e das persoas dos territorios rurais e de montaña, especialmente daqueles máis afastados, lugares esquecidos pero vitais pra o futuro e o benestar da sociedade.
Os veciños son os protagonistas
O libro percorre as aldeas e os vales da serra das Ancares (León e Lugo), a través das palabras dos seus veciños; amosa a súa realidade e as súas paisaxes presentes, pasadas e futuras desde dentro do propio territorio e contrasta esa mirada vital coas miradas externas, puntuais e interesadas que, ao longo do tempo, estudaron este espazo. As imaxes estereotipadas construídas desde fóra son confrontadas coa vida cotiá destes lugares e póñense de manifesto os verdadeiros problemas e necesidades da poboación local.
177 páxinas
“Aldeas e Vales da Serra de Ancares. O territorio desde dentro”, recolle en 177 paxinas, unha séntese da tese doutoral defendida no ano 2013 por Vanessa Fernández Fernández na Universidade de Salamanca, que inclúe fotografías, gráficos, táboas e prólogo do Catedrático de Xeografía da Universidade de Salamanca, Valentín Cabero Diéguez. O texto esta estruturado a partir dunha introdución, no marco teorizo da investigación, a presentación da zona de estudo, a descrición do territorio, a mirada interceptada:imaxinado o territorio, a mirada social e por último as conclusións e a bibliografía. O texto orixinal da tese doutoral consta de 600 páxinas.
A autora natural de Murias do Rao en Navia
Vanessa Fernández Fernández (1984, Murias de Rao-Navia de Suarna), é doutoura en Xeografía pola Universidade de Salamanca dende 2013, tamén é licenciada en Xornalismo e Humanidades e con dous másters, un en Socioloxía e outro en Educación. Ademais, cursou o bacharelato internacional nos Estados Unidos, grazas a unha bolsa de estudos da Fundación UWC España. Nos últimos anos traballou como profesora investigadora na USAL e na UNED, e participou en proxectos sobre os territorios rurais e de montañas peninsulares, sobre os que publicou varios artigos, sempre comprometida coa defensa e visibilización destes espazos e dos seus habitantes; labor polo cal recibiu en 2018, un dos premios Alecrín que outorga a Federación de Entidades Galegas en Cataluña. Tamén colaborou con artigos e reportaxes en distintos medios de comunicación galegos.